O Día da Ciencia homenaxea a figura de Calvet i Prats: quen é por que é considerado "un absoluto transformador" da Universidade?
Laura Carballo, Nieves Rodríguez, María del Carmen Veiga, Francisco Blanco e Juan María Pou recibiron esta cuarta feira o recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) polas súas traxectorias singulares e consolidadas en investigación, así como polo fomento e promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas desde cada unha das súas especialialidades.
Con motivo do Día da Ciencia na Galiza, o Colexio de Fonseca acolleu o acto académico que serviu, tamén, para lembrar Fernando Calvet i Prats, bioquímico nado en Vilafranca del Penedès (Barcelona) en 1903 e impulsor da investigación en química na Universidade de Santiago de Compostela, cuxa cátedra, en Química Orgánica, gañou con apenas 26 anos en 1929. Co golpe de Estado, Calvet foi destituído da súa cátedra, acusado de catalanismo, separatismo e ideas comunistas. Ao regresar do exilio á Galiza, foi encarcerado e apartado da docencia universitaria.
"Fernando Calvet encarna a Galiza que investiga, innova e crea riqueza desde o coñecemento e o compromiso co país", salientou o presidente da RAGC, Juan Manuel Lema, quen gabou, no actual contexto de "polarización", o papel esencial da ciencia como "espazo de razón, diálogo e defensa da dignidade humana".
Manuel Freire Rama, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC foi o encargado de pronunciar o relatorio de homenaxe ao Científico Galego do Ano, a quen presentou como "pioneiro da biotecnoloxía na Galiza", onde permaneceu até 1945, ligado nos últimos anos ao complexo de Zeltia no Porriño.
Méritos en investigación
Os reitores das tres universidades galegas, Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UVigo) e Ricardo Cao (UDC) presidiron xunto a Juan Manuel Lema e a Directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, a entrega das Medallas de Investigación, que completou a conmemoración da xornada.
Laura Carballo, catedrática de Dereito Internacional Privado da UVigo, especialista en Dereito laboral marítimo internacional, comprometida coa mellora das condicións dos traballadores do mar, recibiu a medalla da sección de Ciencias Económicas e Sociais. " Reconforta que nestes intres de grande ameaza para a orde internacional e os dereitos das persoas sen importar a súa orixe, a RAGC apoie o papel fundamental do Dereito para acadar a paz, a seguridade e o benestar das nacións", salientou.
Nieves Rodríguez, catedrática de Ciencias da Computación da UDC, experta en algoritmos e procesamento de grandes volumes de datos, foi premiada no campo das Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. "Cada vez que se lle recoñece a unha muller a excelencia nun eido onde poucas destacaron, contribúese a incrementar as vocacións femininas nese ámbito", animou.
Canda a ela, Carmen Veiga, catedrática de Enxeñaría Química da UDC, recibiu a medalla da sección de Química e Xeoloxía polos seu traballos no tratamento de augas residuais, contribuíndo, dixo, "á economía circular e á protección do medio, ofrecendo solucións innovadoras para a xestión sostíbel dos recursos".
Francisco Blanco, referente internacional no campo da Reumatoloxía recolleu a medalla de Bioloxía e Ciencias da Saúde por aplicar tecnoloxías computacionais avanzadas para personalizar o diagnóstico e o tratamento das doenzas reumáticas. "Para min é unha honra inmensa, un recoñecemento a unha traxectoria persoal e, sobre todo, ao traballo do meu grupo de investigación GIR-S, formado por un gran número de excelentes investigadores, compañeiros reumatólogos e pacientes que compartiron comigo esta aventura científica", manifestou.
Pola súa parte, Juan María Pou, catedrático de Física Aplicada da UVigo, centrado na aplicación do láser na industria, a saúde e a sostibilidade, foi galardoado coa medalla en Ciencias Técnicas. " "Este galardón é un recoñecemento a todas as persoas que desde os anos 1980 se dedicaron e seguen a dedicarse a investigar sobre as aplicacións do láser na Galiza e, en particular, ao noso grupo da Universidade de Vigo. Agradézolle aos meus compañeiros do CINTECX por crear un magnífico ambiente de traballo para desenvolver a nosa investigación", sinalou.
Fernando Calvet i Prats
En 1929, con apenas 26 anos, Fernando Calvet i Prats gañou a cátedra de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da USC. Pouco despois recibiu unha bolsa da Fundación Rockefeller para traballar en Múnic sobre a química dos alcaloides, baixo a dirección do premio nobel Heinrich Wieland. De volta en Santiago, en 1930, montou un laboratorio para prácticas de Química Orgánica e outro destinado a traballos de investigación, creando un grupo moderno, equiparable aos mellores do Estado e pioneiro nas ciencias galegas.
A partir de 1934 a orientación dos seus traballos comezou a mudar cara á aplicación da química orgánica nos sectores económicos do país como a pesca ou a industria farmacéutica. Así, incorporouse como director científico ao Instituto Bioquímico Miguel Servet, fundado en Vigo. En 1935 solicitou unha pensión para traballar en Estocolmo xunto ao premio nobel Von Euler, un dos pais da bioquímica europea.
O comezo da Guerra Civil sorprendeuno en Vigo, onde tivo coñecemento da súa destitución como catedrático. Para evitar represións, e como dispoñía dunha bolsa para continuar estudos en Estocolmo, volveu alí en setembro do 36. Rematada a bolsa, consegue un contrato como profesor de prácticas na facultade de Medicina de Edimburgo. En 1938 negocia coas autoridades franquistas no exterior a súa volta coa promesa de que non habería represalias, pero nada máis entrar en España foi preso no cárcere de Tui.
Ao saír da prisión reiniciou os seus traballos nos laboratorios Miguel Servet, que aos poucos meses se integrarían nos laboratorios Zeltia do Porriño. Nesta nova etapa, baixo a dirección de Calvet, Zeltia patentou en pouco máis dun ano máis de dez especialidades farmacéuticas e elaboráronse fármacos hepáticos, insulinas, ou vitaminas, entre outros.
Tería que agardar a 1944 para que se resolvese a súa situación de apartamento da docencia. Logo de pasar polas universidades de Salamanca e Oviedo, incorporouse á de Barcelona, onde creou un importante grupo de investigación e colaborou como asesor científico-técnico en varias empresas farmacéuticas. Neses anos tamén traballou no Brooklyn Polytechnic Institute de Nova York e na Universidade de Nova York, onde estudou o metabolismo das células hepáticas.