As sete cidades fechan o lecer nocturno e piden certificado Covid para hostalaría a partir deste sábado

Xente moza por unha zona de locais de ocio nocturno en Sanxenxo. | Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press

Ademais das grandes urbes, outras 41 localidades pasan a nivel alto e 12 concellos entran no nivel máximo de restricións

As sete grandes cidades galegas fechan os seus locais de lecer nocturno a partir da madrugada deste sábado 31 de xullo, momento no que entraron en vigor as novas restricións acordadas polo comité clínico da Xunta este pasado martes. Ademais, debido ao seu paso a nivel alto, os locais hostaleiros das urbes deberán esixir certificado Covid para o interior, ao 50% da súa capacidade --no exterior, tamén ao 50%, non será necesario documento acreditativo.

A estas medidas súmase a prohibición de reunións de non convivientes entre as 01,00 horas e as 06,00 horas da madrugada, así como a limitación, en toda a comunidade autónoma, do número de persoas que se poden reunir en espazos públicos ou privados --seis, en interiores; e dez, en exteriores--, durante o resto do día.

As restricións entran en vigor, ademais, após o aval outorgado este pasado venres polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que, en base ao informe técnico remitido polo Executivo galego, considerou "necesarias" e "proporcionadas" as medidas, "que responden a un incremento na transmisión do virus".

 

Nivel alto

Ademais das sete cidades galegas, no nivel alto atópanse outras 41 localidades: Carballo, Arteixo, Fisterra, Oleiros, Arzúa, Cariño, Melide, Ribeira, A Coruña, Cambre, Culleredo, Ames, Santiago de Compostela, Ferrol, As Pontes, Ortigueira e A Pobra, Cervo, Ribadeo, Monforte, Lugo, Chantada, A Illa, Marín, Poio, Soutomaior, Pontevedra, Vilagarcía, Vilanova, Gondomar, Vigo, Bueu, Ponte Caldelas, A Guarda, Meis, Moaña, Mos, O Porriño, Redondela, Nigrán, Tomiño, Ribadumia, Avión, O Rosal, Barbadás, O Carballiño, Ourense e Verín.

 

Nivel máximo

Ademais, este sábado entran no nivel máximo 12 concellos: Boiro, Muros, Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Baiona , Foz, Viveiro, Burela, Monterroso e O Barco.

Estas localidades, tamén con lecer nocturno fechado, esixirán certificados covid-19 para acceder ao interior de locais de hostalaría, cuxa capacidade estará limitada ao 30% e ao 50% en exteriores -de acceso libre. As reunións estarán prohibidas entre non convivintes entre as 1.00 horas e as 6.00 horas da madrugada; mentres que durante o resto de día, deberán ser dun máximo de seis persoas no interior e de 10 no exterior.

Con todo, A Xunta de Galicia autorizou para esta fin de semana, nos concellos con máis restricións, os eventos en locais hostaleiros que fosen convocados ou organizados antes do 29 de xullo, día en que o comité clínico anunciou os cambios de nivel para os concellos respecto da covid-19.

 

 

Nivel Medio

No nivel medio inclúense 52 municipios: Monterrei, Riós, Beariz, Boborás, Vilarmartín, A Pobra de Trives, A Rúa, Coles, A Lama, Maceda, Pereiro de Aguiar, A Cañiza, Celanova, Rábade, O Valadouro, Barreiros, San Cibrao, Vilalba, Sarria e Mondoñedo, Toques, Corcubión, Curtis, Rianxo, Pontedeume, Oroso, Silleda, Teo, Bergondo, Cee, Coristanco, Brión, Carnota, Outes, Cedeira, Narón, Valdoviño, As Neves, Vilaboa, Padrón, Vimianzo, Noia, Barro, Pontecesures, Tui, Caldas de Reis, Arbo, Cangas e Ponteareas.

Os veciños de concellos de nivel medio disporán de locais de hostalaría, sen necesidade de certificados covid-19, ao 50% da súa capacidade -tanto en interior como en terrazas. Onde si necesitarán certificados é para o lecer nocturno, que abre até as 3.00 horas. Ademais, as reunións de non convivintes entre as 3.00 horas e as 6.00 horas da madrugada están prohibidas, mentres que durante o resto de horas, deberán ser dun máximo de seis persoas no interior e de 10 no exterior.

 

Nivel Medio-Baixo

No nivel medio-baixo, os concellos contarán coa hostalaría cun 100% de capacidade en terrazas e 50% en interior, sen necesidade de certificados COVID; mentres que o lecer nocturno abre até as 3,00 horas, coa obrigatoriedade de presentar certificados. As reunións de non convivintes entre as 3 e as 6 da madrugada están prohibidas, e para o resto de horas, deberán ser dun máximo de seis persoas no interior e de 10 no exterior.