As cidades galegas superan o 70% de inmunización

Unha persoa recibe unha vacina nas instalacións habilitadas en Compostela. (Foto: Europa Press) #vacinación #desescalada #coronavirus #covid19 #vacina #covid19 #mallorca #balears #autocita #sanidade #garcíacomesaña #comitéclínico #xunta
O Goberno español fixara como obxectivo acadar esta porcentaxe a finais de agosto. Na Galiza só tres concellos, os de Avión, Beariz e A Lama, están por debaixo dese limiar.

O pasado mes de abril, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, daba conta das previsións do Executivo estatal de cara á vacinación nos meses posteriores. Falaba entón de acadar un obxectivo: que a finais de agosto estivese vacinado 70% da poboación. 

Na Galiza son moitas as localidades que xa superan a porcentaxe de persoas coa pauta completa de vacinación fixada por Sánchez. De feito, segundo os datos da Consellaría de Sanidade, todas as urbes galegas rebasaron xa ese limiar, que foi o fixado para alcanzar a coñecida como inmunidade de rabaño, teoría cuestionada por moitos científicos e científicas, que sinalan que a única garantía para rematar co virus é ter vacinada á totalidade da poboación.

O propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e varias persoas integrantes do Comité Clínico que asesora á Xunta en medidas sanitarias, sinalaron en numerosas ocasións que esa porcentaxe quedara "desfasada", pero din descoñecer aínda o dato co que se conseguiría a inmunidade grupal.

En calquera caso, segundo os datos actualizados por Sanidade este domingo, Galiza conta con 81,7% da súa poboación diana coa dobre pauta administrada e 74,3% da poboación xeral.

No que atinxe ás cidades, A Coruña conta con 78,01% da súa veciñanza inmunizada; Lugo, con 80,33%; Ourense, con 80%; Pontevedra, con 77,41%; Vigo rexistra xa 75,60%; Compostela, un 81,02%, e Ferrol, un 80,56%.

Compostela, con 81,02% da poboación diana coa pauta completa, é a cidade galega máis adiantada no proceso de vacinación

Doutra banda, os concellos Vilar de Barrio (91,44%), Montederramo (91,42%), Baleira (91,18%) e Abadín (90,77%) son os que nestes momentos presentan unha maior porcentaxe de poboación diana con pauta completa contra o coronavirus, destacan desde a Consellaría. Os cinco primeiros postos complétanse co concello de Larouco, cun 90,30% de poboación inmunizada.

A outra cara da moeda represéntana os municipios de Avión e Beariz e A Lama, coas porcentaxes máis baixas de inmunización. As tres localidades son as únicas da Galiza que quedan por baixo de 70%, con 63,01%; 65,38%, e 66,68%, respectivamente.