As cidades galegas lideran o ranking de urbes con menos poboación cativa e moza no Estado español

Ferrol é, en todo o Estado, a cidade con menos peso de menores de 14 anos na súa poboación: por baixo de 11%. A Coruña e Ourense figuran tamén entre as dez capitais con peores rexistros neste campo.

 

Cada vez menos e máis vellos. O presente e tamén o futuro de Galiza está determinado por ese marco de non variar a tendencia actual. Un dos factores deste problema é a baixa natalidade que hai en Galiza (das máis baixas do mundo) e que cada vez hai menos crianzas. De feito,  en 77% dos fogares galegos non hai nen crianzas nen mocidade e en 22% habitan só maiores 65 anos.

 

A falla de crianzas non é unha situación que se restrinxa ao rural. Tamén nas cidades galegas, onde son as súas contornas quen absorve unha parte importante da xente moza e con fillos e fillas, atraídos por prezos de vivendas máis asequíbeis e oferta de servizos. A proporción de poboación de cero a 14 anos que vive nas nosas cidades é das máis baixas entre as urbes do Estado español.

 

Así o testemuña o informe de Indicadores Urbanos do INE (Instituto Nacional de Estatística), que elaborou unha listaxe coa porcentaxe que representa a poboación nova a respecto da total entre as 136 principais cidades do Estado español.

 

Ferrol lidera ese ranking. Na cidade departamental só 10,8% dos seus habitantes teñen menos de 15 anos. Síguelle Avilés, con 11,3%. A Coruña figura en novena posición, con 12 menores de 15 anos por cada 100 habitantes; Ourense é décima, con 12,2%. Compostela (posto 20 de 136), Vigo (24) e Lugo (25) completan a representación de cidades galegas, onde só Pontevedra zafa da ‘queima’, aínda que só relativamente. É a 37 cidade no Estado con menos peso de crianzas no total de habitantes (14%). Todas as capitais e cidades galegas pois, na parte superior destta clasificación

 

No outro extremo figuran localidades como Melilla, Valdemoro (Madrid), Ceuta, Parla e Las Rozas (ambas as dúas en Madrid), onde os habitantes por baixo dos 15 anos de idade superan 20% da poboación.

 

Na Galiza morren máis persoas das que nacen desde 1986. Porén, nos últimos anos a fenda entre nacementos e defuncións non fixo senón aumentar. A demógrafa do CSIC, Dolores Puga, fixo unha advertencia, "o cambio de réxime demográfico non vai volver atrás" polo que a poboación residente na Galiza non volverá medrar senón é "pola vía da inmigración".

 

No mencionado informe de Indicadores Urbanos tamén se pode comprobar como  tres cidades galegas lideran o ranking no Estado de urbes con maior porcentaxe de vivendas deshabitadas. Unha listaxe de 111 cidades na que o primeiro posto corresponde á catalá Manresa, onde 23,8% das vivendas están baleiras. En segundo posto figura Ourense, con 21,7%; seguida de Lugo, con 20,7% e de Ferrol, con 19,7% das súas vivendas sen habitar. A media estatal é de 13,6%.