Análise

Cidades para a bicicleta

Redistribuír unha parte do espazo que hoxe ocupan os coches sería beneficioso para todos. (Ilustración: Álex Rozados)
O arquitecto urbanista Iago Lestegás Tizón prosegue co ciclo de análises promovido por Nós Diario.

Copenhague reaccionou á primeira crise do petróleo cambiando coches por bicicletas. Malia a súa gran tradición ciclista, nas cidades da Dinamarca da posguerra imperaba o automóbil. Foi a escalada do prezo do combustible en 1973, tras o embargo petrolífero pola guerra do Yom Kippur, o que puxo a bicicleta no centro do seu modelo de mobilidade.

A crise enerxética que atravesamos hoxe —provocada por outro conflito bélico— debe levarnos tamén a adoptar estratexias urbanas que reduzan a dependencia do petróleo. As voces que cuestionan o fomento da mobilidade ciclista nas vilas e cidades galegas adoitan esgrimir argumentos climáticos ou orográficos, pero en moitos lugares con condicións similares ou máis desfavorables usan a bicicleta a diario.

En Portland, na costa norteamericana do Pacífico, chove 156 días ao ano —máis que en calquera cidade galega— e aínda así é a metrópole estadounidense onde máis viaxes se fan en bici.

Na cidade norueguesa de Trondheim instalaron en 1993 un raíl cicloelevador nun dos seus outeiros e os campus universitarios están ateigados de bicicletas todo o ano. Como noutros paraísos ciclistas do norte, na cidade sueca de Lund a orografía axuda pero o clima non, e aínda así as bicis son omnipresentes e imprescindibles, e na estación de tren hai un gran aparcadoiro cuberto para elas. Copenhague retira antes a neve nas ciclovías que nos carrís dos coches, demostrando que se pode vencer calquera obstáculo se hai vontade de priorizar outras formas de mobilidade.

Impulsar un medio de transporte que mellora a calidade de vida das persoas e coida o futuro do planeta debe ser a reacción natural ante as crises globais 

Desprazarse en bicicleta é rápido, barato, saudable e sostible, pero para que o faga unha parte significativa da poboación debe ser tamén seguro. Agás en rúas estreitas ou secundarias con pouco tráfico ou velocidade moi limitada, os ciclistas son extremadamente vulnerables entre automóbiles. Por iso deben ter carrís propios de anchura suficiente e ben separados da beirarrúa e da calzada.

A protección aumenta se entre o carril bici e os coches en circulación hai unha banda de estacionamento, idealmente cunha pequena plataforma que evite problemas pola apertura de portas. Ademais, deben existir espazos axeitados para aparcar as bicicletas na vía pública e cómpre deseñar e sinalizar as interseccións de modo que sexan seguras para os ciclistas. Un artigo publicado por John Pucher e Ralph Buehler en 2016 no American Journal of Public Health mostra como a expansión da infraestrutura ciclista incrementa a seguridade e o uso da bicicleta. Segundo este estudo, por exemplo, entre 2000 e 2015 a rede de ciclovías de Portland medrou un 53%, a cifra de colisións caeu un 62% e o número de desprazamentos en bici aumentou un 391%.

Pedaleo seguro

Para que cada vez máis persoas se animen a pedalear non abonda que sexa seguro; tamén debe ser cómodo e doado. Por iso cómpre promover sistemas de bicicletas compartidas que permitan a quen non pode mercar unha propia ou non ten onde gardala na casa sumarse á comunidade ciclista. En lugares con moitas costas —como tantas vilas e cidades galegas— débese apostar por bicicletas de pedaleo asistido para facilitar o seu uso por todo tipo de persoas. En calquera caso, non se recomenda investir nestes servizos sen crear antes unha rede adecuada de ciclovías, pois o seu éxito depende en gran medida de que os usuarios potenciais se sintan seguros sobre dúas rodas.

Facilitar o traslado de bicicletas nos buses e trens e garantir que nas estacións de transporte público se poidan deixar aparcadas con tranquilidade contribuiría tamén ao fomento da mobilidade ciclista. Nos baixos ou sotos dos edificios deberían habilitarse espazos axeitados para gardalas, e os centros de traballo poderían instalar duchas para os empregados que se despracen en bici.

O uso da bicicleta medra a medida que se torna máis práctico e seguro, e cantos máis ciclistas circulan pola rúa, máis protexidos están todos e cada un deles. Por iso é importante crear as condicións para que cada vez máis persoas se animen a facelo. Moitas rúas están sobredimensionadas e redistribuír unha parte do espazo que hoxe ocupan os coches sería beneficioso para todos. Trátase dun proceso gradual e progresivo que debe comezar nalgún momento e resulta imprescindible no contexto actual. Impulsar un medio de transporte que mellora a calidade de vida das persoas e coida o futuro do planeta debe ser a reacción natural ante as crises globais que enfrontamos. Para reducirmos a dependencia dos combustibles fósiles e mitigarmos os efectos do cambio climático, a bicicleta debe gañar protagonismo nas nosas rúas.