As sete cidades acollerán mañá mobilizacións en solidariedade coas persoas refuxiadas

[Foto: Acnur]

O manifesto exixe a fin da guerra e das intervencións imperialistas na Siria e a retirada das tropas occidentais de todo Oriente Próximo e Norte de África. A convocatoria unitaria é impulsada por CIG, CCOO, UGT, BNG, EU, ANOVA, PSOE, Podemos, Asemblea de Cooperación pola Paz e Seminario Galego Pola Paz. 

Co obxecto de daren resposta á crise humanitaria que está a provocar o éxodo migratorio cara a Europa desde diversos países en conflito, e singularmente da Siria, este domingo día 13 realizaranse concentracións nas sete cidades galegas para expresar a solidariedade do noso país coas persoas refuxiadas. A convocatoria unitaria é impulsada por CIG, CCOO, UGT, BNG, EU, ANOVA, PSOE, Podemos, Asemblea de Cooperación pola Paz e Seminario Galego Pola Paz. 

No manifesto conxunto lembran que se trata de persoas que foxen “de situación de grave conflito humanitario onde existe risco certo para a súa integridade e a das súas familias” e onde ademais “resulta imposíbel acadar unhas condicións de vida dignas". Unha situación fronte a que, en opinión das convocantes, os Estados e as institucións europeas “non están respondendo” malia a súa responsabilidade pola participación en “intervención militares imperialistas que están na xénese desta crise”.

Antiimperialismo

O manifesto exixe en primeiro lugar “que se poña fin á guerra e ás intervencións militares dos Estados occidentais na Siria”, que se promova a negociación para a solución pacífica do conflito e a retirada de todas as forzas militares norteamericanas, e estranxeiras en xeral, de Oriente Próximo e o norte de África. Apelan ao Goberno español a defender no seo da UE unha mudanza radical na política de “blindaxe de fronteiras” por unha “operación permanente de axuda e salvamento”, que pule por unha política de de cooperación internacional que incida nas causas que motiva a migración forzosa. Aliás, demandan a fin inmediata das respostas policiais “coerctivas ou represivas” e dos obstáculos por parte dos Estados europeos que non faciliten o amparo ás refuxiadas.

Exíxese ademais que tanto Galiza como o Estado español “acollan a todas as persoas que lles corresponda” e que se coordine o acollemento entre as diferentes administracións, habilitando todos os consulados e embaixadas para recibir todas as solicitudes de asilo que se poidan producir. Proponse tamén a creación dunha mesa permanente, con forzas políticas e sociais, para garantir unha axeitada cobertura humanitaria. 

Horas e lugares das mobilizacións:

- A Coruña: ás 12 h, praza da Palloza.
- Ferrol: ás 12 h, praza de España.
-Santiago de Compostela: ás 12 h, praza do Obradoiro.
- Lugo: ás 12:30 h, Subdelegación do Goberno.
- Ourense: ás 12 h, Subdelegación do Goberno.
- Pontevedra: ás 12 h, praza da Ferreiría.
- Vigo: ás 12 h, Museo de Arte Contemporánea (MARCO).