Compostela

A cidade xa para sempre de Casal, Lorca, Begoña Caamaño…

O Concello de Santiago fixo entrega dos seus títulos, honras e condecoracións a título póstumo nun emotivo acto no Auditorio de Galiza

Compostela exerceu, máis unha vez, de capital de todos os galegos e galegas. Foi na tarde desta cuarta feira, na entrega dos seus títulos, honras e condecoracións a título póstumo. Uns recoñecementos que fan á cidade universalmente galega e galegamente universal. Ánxel Casal, Alcalde de Honra; Federico García Lorca e Begoña Caamaño, fillo e filla adoptivos; Xohana Torres, Bibiano Morón e Benedicto García, dous ex integrantes de Voces Ceibes, filla e fillos predilectos. Horas antes desta cerimonia realizada no Auditorio de Galiza, celebrábase a descuberta da placa co nome de Begoña Caamaño no parque das Fontiñas que recordará a xornalista e escritora.

 

Na súa intervención, o alcalde Martiño Noriega expresou a súa satisfacción por poder "homenaxear a homes e a mulleres a quen lles debemos moito do que somos e moito do que queremos ser colectivamente, a persoas que foron os verdadeiros latexos de Compostela. Tamén interveu no acto a historiadora Encarna Otero, quen se encargou da laudatio das persoas homenaxeadas. "Este é un acto de memoria democrática e cívica", dixo.
 


Un dos momentos salientábeis foi o recoñecemento polo Concello de Ánxel Casal como Alcalde de Honra da cidade. A distinción foi recollida polo sobriño-neto de Casal, Felipe Ruíz de Miguel, quen quixo reivindicar a figura do rexedor nacionalista fusilado polos franquistas en 1936, e tamén a da súa muller, María Miramontes, "como persoa con identidade propia no panorama político galego e senlleira na loita activa polos dereitos da muller".