Galiza rexistra 200 novos contaxios e seguen a subir os casos activos en Ourense

Ourense.

A cidade de Ourense supera os 500 casos activos de Covid

Ourense superaría así un dos baremos (máis de 500 casos por 100.000 habitantes) establecidos polo Goberno estatal para adoptar medidas de restrición duras. Mais este non é o único parámetro a ter en conta para esas decisións.

Fontes da área sanitaria ourensá sinalaron a Europa Press que "a evolución continúa en ascenso" e os casos novos crecen na liña dos últimos días. Ademais, inciden en que a maior parte dos gromos rexistrados na última xornada "continúan sendo de carácter familiar".

En concreto, na tarde da segunda feira a área sanitaria informou de cinco surtos de orixe familiar no municipio de Ourense que afectan 13 mulleres, 11 homes e catro nenos con idades comprendidas entre os dous e os 80 anos.

Galiza

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 4.119, deles 818 son da área da Coruña, 493 da de Lugo, 1.084 da de Ourense, 667 da de Pontevedra, 412 da área de Vigo, 527 da de Santiago, e 118 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 199 en unidades de hospitalización e 3.885 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 20.344 persoas curadas, rexistrándose 765 falecementos.

A Consellaría de Sanidade prohibiu a pasada sexta feira as reunións en Ourense, tanto no ámbito privado como no público, para todas as persoas que non convivan no mesmo domicilio.

A Xunta explicou, tras reunirse co grupo de persoas expertas que a asesora respecto da evolución da pandemia, que malia as limitacións que pesaban sobre a área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras seguían medrando. Ese ratio con 850 casos moi próximos e 82 ingresos (seis deles na UCI) fixo necesario adoptar unha decisión tan drástica como esta.

Ademais, aínda que os locais hostaleiros poden abrir, só poderán estar xuntas persoas que vivan baixo o mesmo teito. É a primeira vez que se adopta este tipo de medida.

 O resto dos criterios que xa pesaban sobre distintos barrios e algúns municipios enteiros seguirán a ter validez: tales como a redución da capacidade nos negocios. A maiores haberá que ter en conta que a compañía só poderá ser aquela que resida xunta.