Un encontro reflexiona en Compostela sobre a “nova diáspora”

Sobre a nova cidade galega exterior

Interior do aeroporto de Lavacolla. Foto: cedida.

As migracións definen a historia de Galiza. Pobo móbil, en tránsito, a cada paso da súa existencia colectiva amplos continxentes dos seus habitantes marchan á procura dunha vida mellor. A Gran Recesión de 2008 volveuno provocar. Do 20 ao 22 de xullo, un encontro en Compostela pensa sobre a “nova diáspora galega”.
 

“É unha das vagas recorrentes na historia, que en Galiza ten carácter cíclico”, indica Pepe Sendón, actor, dramaturgo e coordinador do Observatorio da Nova Diáspora Galega, “no século XXI intensifícase, maniféstase con máis dureza, a partir da crise. Aínda que nunca parou”. As cifras oficiais que manexa a Xunta falan de 500.000 galegas e galegos vivindo fóra. Outras fontes consideran que eses son apenas os migrantes burocraticamente computados. Para Sendón, en calquera caso, conforman “unha cidade galega exterior e descentralizada”.

 

Mais as migrantes do neoliberalismo teñen características singulares. Para comezar a degrañalas, o observatorio -unha plataforma cidadá, en palabras de Sendón- convocou en Compostela o programa Onda, sobre “ideas e arte da emigración galega actual”. “Queremos darlle voz en primeira persoa”, sinala, “percibir as diferentes experiencias que definen a diáspora”.

 

Ate agora, ao seu ver, existen “moitos discursos sobre a emigración, pero que, dalgunha maneira, desprezan as protagonistas e os seus relatos”. Na primeira das xornadas Onda, os faladoiros e debates acollerán representantes de Embaixada.gal -unha reformulación do asociacionismo migratorio galego-, a ensaísta María Alonso -autora de Transmigrantes (Axóuxere, 2017)-, o historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, o novelista Xavier Queipo, a profesora Helena Miguélez-Carballeira ou Alejandra Plaza, natural de Cacabans e que escribiu Si fuese fácil lo haría otro. La emigración en la Europa del siglo XXI (Círculo Rojo, 2018).

 

Emigración no mundo low cost


“A emigración clásica era case unha despedida. Se se chegaba a transmitir algunha experiencia era no caso de que houbese retorno”, explica Sendón o seu obxecto de estudo e preocupación, “agora, as novas migrantes galegas non chegan a desconectar de todo. Ben sexa por skype ou facebook, ou por esa cultura low cost en que é máis barato voar no espazo Schengen que o taxi que te leva do Carballiño ao aeroporto”. Emigrar no mundo da globalización e facelo desde un país periférico, pero periférico da Europa fortaleza, ten os seus vieiros particulares.

 

Que se refiren, tamén, ao que considera “unha nova tipoloxía” de persoas que abandonan Galiza: “Xente na academia, que xa non pensa en regresar pero que producen información e coñecemento sobre Galiza desde o exterior”. E que constrúen, por caso, os Galician Studies en universidades de todo o mundo. “En todo caso, os tópicos morriñentos sobre a emigración van desaparecendo. A casuística é moito máis complexa. Hai opcións de vida que pasan por marchar fóra e hai consecuencias derivadas do mercado neoliberal que esixe a mobilidade do traballador”.

 

O programa Onda -que acollé o centro cívico de Romaño-Vista Alegre de Compostela- intentará “dar visibilidade” a estes novos modos de migración. Ademais dos debates mencionados, a sexta feira, ás 22.00 horas, proxectaranse as curtametraxes Galicia Portobello Road, de Adriana Páramo, Matria, de Álvaro Gago, Pettring, de Eloy Domínguez Serén, e Europa de Hugo Amoedo. Os cineastas asistirián ao coloquio posterior.

 

Ao día segunite, entre foliadas e performances, tamén se amosará a literatura que orixina a división europea do traballo. O libro Onda Poética (Edicións Positivas, 2018) rastréaa e xunta materiais de Óliver Escobar, Ramón Neto, Martín Veiga, o propio Queipo, Xelís de Toro, Isaac Xubín, Carlos Penela, Elías Portela, Alicia Fernández, Gonzalo Hermo ou Lorena Souto. O encontro rematará o domingo cunha asemblea e o concerto de Xosé Gael -residente en Escocia- e Ialma -grupo de raíz con base en Bélxica.