Francesco Tonucci

"Unha cidade das nenas e nenos é unha cidade completa"

Tonucci, na inauguración da súa exposición en Pontevedra.

Convidado pola Deputación de Pontevedra, o pedagogo e investigador italiano Francesco Tonucci vén de difundir entre os concellos pontevedreses a súa visión da educación e das cidades, cun protagonismo especial para as crianzas. Conversamos con el no Sermos Galiza 247.

Pontevedra é o mellor exemplo da cidade das nenas e nenos?

Pontevedra pode dicir con orgullo que é unha das cidades que se comprometeu hai 18 anos a devolver o espazo público á xente, porque nas cidades agora ese espazo está privatizado polos coches. Os que se moven en coche son un 30% e que ocupen o 80% do espazo -ou para circular ou para estacionar- é un abuso. Pontevedra pódelle dicir á súa cidadanía que saia da casa porque ten un espazo para ela, un ambiente acolledor. As rúas están ocupadas pola xente e cando iso sucede, cando nenas e nenos están na rúa, estas fanse seguras.

A Deputación de Pontevedra pretende crear unha rede provincial de cidades das nenas e nenos… outras vilas, mesmo a nivel internacional, queren aplicar a filosofía de Pontevedra. É iso posíbel?

O modelo debe ser posíbel trasladalo a todas as cidades. Eu falo do que precisan as crianzas para que a xente entenda o que é preciso para todos, para que a xente entenda que a cidade das nenas e nenos é unha cidade para todos… Ademais é moi interesante notar que cando falamos con crianzas, elas nunca pensan nunha cidade para elas exclusivamente. As crianzas precisan de seus pais, avós, os seus cans, plantas… Unha cidade das nenos e nenos, por tanto, é unha cidade completa. Só nós, os adultos, puidemos pensar unha cidade só para nós. Isto é impresionante. Pontevedra é un modelo que demostra que o que parece unha utopía se pode facer concreto. É a cidade que máis realizou a proposta que fago. Hai moitas cidades que fixeron cousas moi interesantes, pero a que levou a proposta até unha coherencia de cambio da cidade, de cambio do deseño das rúas para que favorezan a xente en lugar dos coches é Pontevedra a nivel internacional.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 247, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]