A Cidade da Xustiza de Vigo tivo un sobrecusto de 10,6 millóns de euros

Expedientes mollados na Cidade da Xustiza de Vigo (Foto: Alternativas na Xustiza).

As obras da Cidade da Xustiza de Vigo chegaron onte ao Parlamento da Galiza. As mesmas remataron cun sobrecusto para a Xunta da Galiza de 10,6 millóns de euros respecto ao recollido no orzamento inicial. O reformado inmóbel -antes Hospital Xeral de Vigo- presenta numerosas deficiencias.

As diferentes modificacións dos proxectos de demolición e obras da Cidade da Xustiza de Vigo acabaron xerando un sobrecusto de 10,6 millóns de euros. A proposta de demolición foi licitada inicialmente por 1,8 millóns de euros. Porén, o seu custo final chegou a 2,4 millóns de euros. A alza de máis de 30% no prezo da actuación producise após un informe dunha consultora externa, cuxo contido segue negando o Goberno galego ás forzas da oposición.

Grupo San José

A historia repetiuse na segunda fase da obra. Nesta ocasión, a Xunta da Galiza adxudicou por 22,5 millóns de euros o contrato de construción ao grupo San José, ampliando o obxecto do mesmo uns meses máis tarde en 8,8 millóns de euros . A desviación de máis de 39% sobre o orzamento inicial xustificouse polo “mal estado das estruturas dos edificios anexos á torre do antigo Hospital Xeral”, que foran xa avanzadas polo arquitecto responsábel do proxecto, Alfonso Penelas.

As modificacións do proxecto

A deputada do BNG Carmela González denunciou onte esta situación na Cámara galega. Nesa dirección, manifestou que “o proxecto inicial tivo que ser modificado polo que o Goberno galego cualificou de contratempos e que supuxeron un sobrecusto de máis de 30% do orzamento inicial en cada unha das fases de demolición e construción”.

 

Ao tempo, denunciou a variación do prezo en relación co orzamento inicial, sinalando que hai “dúas posibilidades, ou ben que a empresa non advertira das deficiencias ou que si o fixera mais non foron tidas en conta na redacción do proxecto e calquera das posibilidades é moi grave e a Xunta ten que depurar responsabilidades”.

A resposta do Goberno chegou da man da secretaria xeral técnica da Consellaría da Presidencia, Xustiza e Deportes, a antiga candidata do PP á Alcaldía de Vigo, Elena Muñoz, que defendeu que todo o proceso de contratación axustouse ao procedemento legal. Nesa liña, negou a existencia de “improvisación” e argumentou que “a Xunta detectou defectos construtivos” e “tecnicamente viuse na necesidade de facer un proxecto modificado para garantir a cimentación e a seguridade”.

Silencio

Muñoz gardou silencio sobre os problemas que presenta o edificio unha vez entrado en funcionamento. Precisamente, o pasado decembro o arquivo da Cidade da Xustiza rematou anegado por filtracións de augas, o que puxo en risco moitos expedientes xudiciais. Así, os problemas do espazo de arquivos do inmóbel provocou que só se poidan trasladar ao novo xulgado 30.000 de 100.000 causas arquivadas en Vigo.

González reiterou as eivas da Cidade da Xustiza de Vigo: “ineficiencias do novo complexo, ás salas de vistas pequenas e estreitas, aos espazos escasos para os equipos psicosociais e aos problemas de sonoridade das salas de vistas”.