A cidadanía retoma a loita contra a creación da Universidade Privada de Abanca

Unha protesta anterior contra a universidade privada. (Foto: Europa Press)
A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública non cede na súa presión e convoca unha nova manifestación, que chama a apoiar de forma masiva, para este sábado ás 12 horas en Compostela.

A comunidade universitaria continúa na loita contra a privatización do sistema que ve representada na intención da Xunta da Galiza de permitir que Abanca cree a súa propia institución académica, após da que xa existe unha segunda solicitude de Cesuga.

Ante o rexeitamento do grupo do Partido Popular no Parlamento a escoitar a opinión dos tres reitores das universidades públicas -e doutras persoas vinculadas á institución académica, dunha ou doutra maneira-, a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública programou unha nova saída de protesta para este sábado ás 12 horas.

Organizacións de estudantes e tamén sindicatos como a CIG (entre outros colectivos que integran o colectivo) invitan a cidadanía a participar de forma masiva nesta concentración de rexeitamento ao cambio de modelo cara o pagamento extra -máis aló dos impostos- da educación superior que comezará na Alameda de Compostela.

Ademais, inciden en que seguirán coa "campaña de mobilizacións en contra do proxecto de universidade privada que, auspiciada por Abanca e promovida polo goberno do PP na Xunta da Galiza, pretende implantar un modelo de ensino superior privado no noso país".

Por exemplo, a central sindical amosou unha postura moi crítica con "este intento do PP de privatizar" a institución académica convertendo o ensino superior "nun suculento negocio para que entidades financeiras como a de Escotet se lucren co mercadeo das titulacións universitarias".

"Unha licenza universitaria que lle vai dar a posibilidade de enriquecerse e de segregar a parte do alumnado da universidade pública, nomeadamente a aquel que teña máis recursos ou o que, como no modelo estadounidense, se endebede de por vida", sostén a representación laboral.

Considera que isto vai ir en detrimento da pública en varios sentidos: desde a financiación até a perda do alumnado e a fuga do investimento privado pola posíbel desaparición dalgúns títulos da oferta. Neste contexto, pide o apoio de toda Galiza para seguir mantendo sen competencia os sete campus do país.