A cidadanía galega reivindica máis zonas verdes e recreativas

Espazo verde na cidade de Ferrol. (Foto: Turgalicia)

A Galiza é a cuarta autonomía do Estado español cuxa cidadanía presenta unha menor satisfacción coa contorna na que vive e coas zonas verdes e áreas recreativas, tan só por diante de Andalucía, Canarias e Murcia.

Se hai unha cor que adoita identificarse coa Galiza é o verde. Nas súas diferentes tonalidades, de prados, fragas, piñeirais, eucaliptais, toxeiras... E tamén dos parques e espazos verdes urbanos. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) recollidos no Indicador multidimensional de calidade de vida, medio ambiente e desenvolvemento sostíbel, tan só 46% das galegas e galegos presentan un grao de satisfacción alta ou moi alta coas zonas verdes e áreas recreativas. 

A porcentaxe media no conxunto do Estado é de 60%, 14 puntos máis que a galega. Un 55,4% da cidadanía da Galiza di ter un grao de satisfacción alta ou moi alta coa contorna na que vive, unha porcentaxe que no conxunto do Estado é de 70,8%. Ou sexa, 15 puntos superior á galega. 

Malia o seu baixo nivel, o índice global de contorna e medio ambiente aumenta no último ano con datos dispoñíbeis (2022) en máis dun punto en relación ao ano anterior na Galiza fronte a un incremento dunha décima no Estado. Malia isto, Galiza é a cuarta comunidade que presenta unha menor satisfacción dos seus habitantes coa contorna e coas zonas verdes e áreas recreativas, tan só por diante de Andalucía, Canarias e Murcia.

Cidades

A capital vasca, Vitoria-Gasteiz, é a cidade do Estado español, e unha das europeas, con mellor proporción de metros cadrados de zonas verdes por habitantes: case 27 metros cadrados por habitante. A capital galega, Compostela, case alcanza esa cifra, con 25 metros cadrados. É a cidade galega coa mellor ratio, grazas en boa medida a unha política continuada desde hai décadas na que se foron engadindo parques e zonas verdes por case todos os barrios. Hoxe en día suma máis de 2.200.000 metros cadrados.

O Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGB) estudou a situación de 866 cidades europeas, un cento delas no Estado español e entre elas as sete urbes principais da Galiza. En base a uns criterios -de porcentaxes de áreas verdes até a vexetación da mesma en base a recomendacións da OMS, pasando pola poboación dunha cidade que vive perto ou non de zonas verdes- fixa uha listaxe. En canto ao Índice NDVI, aquel que indica o 'verdor' dunha cidade e a saúde da súa vexetación, Compostela figura no posto 838 entre as 866 cidades analizadas. Nesta lista do ISGB, canto máis baixa é a posición, peor. Aí figuran A Coruña, posto 10 entre as 866 e Ferrol, número 40. Tras  Compostela, quen ten mellores niveis neste apartado é Pontevedra, no posto 480 do ​total de 866.

Outro criterio neste estudo é o da porcentaxe GA (zona verde). Compostela ten a mellor posición das cidades galegas, 859 entre as 866 europeas; seguida de Pontevedra (832). En canto á poboación que vive en áreas con menos de 25% de superficie verde recomendada atópase 66% da veciñanza da Coruña, 55% de Vigo e 40% de Ferrol. No outro extremo están compostelás e pontevedresas, onde só 24% e 30% viven nesas áreas.