Ciclistas piden a mellora integral das beiravías para unha convivencia segura

Pedaladas manifestouse en abril de 2019 por Pontevedra para pedir máis carrís bici.
A Xunta licita 600 quilómetros de rutas ciclistas protexidas mentres deportistas e usuarias da bicicleta demendan melloras integrais que garantan a seguridade e a convicenvia segura nas estradas.

O colectivo de ciclistas é, xunto ao de peóns e motoristas, un dos máis vulnerábeis nas estradas. En 2019, sumaron, por xunto, 36 mortes en accidentes de tráfico, 40% do total. O ano pasado, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) computou un único falecido no concello de Outeiro de Rei, na comarca de Lugo, mais rexistrou perto dun cento de sinistros con ciclistas implicados, 12 feridos de gravidade.

Na última década morreron 15 persoas nas estradas galegas mentres circulaban en bicicleta. As dúas últimas, este mesmo ano, en Xinzo de Limia e Bergondo. "A velocidade, as infraestruturas non adaptadas, as distraccións ao volante e o consumo de alcol e drogas son os inimigos máis grandes que atopamos na estrada", explica en declaracións a Nós Diario Quique Pérez, portavoz da Asociación Pedaladas de Pontevedra.

"Na última década morreron 15 persoas nas estradas galegas mentres circulaban en bicicleta".

Neste sentido, reclaman intervencións máis contundentes por parte das Administracións para mellorar o estado da calzada e garantir a seguridade das persoas que se desprazan en bicicleta. "A sinalización de novas rutas seguras para as ciclistas é unha boa noticia pero non deixa de ser unha acción moi limitada", critica o voceiro de Pedaladas.

A Administración galega acaba de anunciar a sinalización de 10 treitos protexidos para as usuarias da bicicleta. Segundo a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, as novas rutas ciclistas suman 600 quilómetros que contarán desde o inicio do verán con carteis informativos específicos, que lembrarán a presenza de ciclistas e a distancia mínima de seguridade de 1,5 metros en caso de adiantamento.

Beiravías e velocidade

Malia recoñecer a importancia de iniciativas coma esta ou como o plan de sendas seguras, Quique Pérez discrepa do interese destes proxectos se non se levan con todas as garantías para a convivencia e a seguridade das persoas. "En 2017 un compañeiro perdeu a vida nun treito dunha ruta ciclista protexida", polo tanto, di, hai medidas máis urxentes.

"O ideal sería que as bicicletas e os vehículos non compartisen o mesmo espazo. O carril bici sería a mellor solución, mais existen alternativas intermedias que pasan por ampliar as beiravías e mellorar o seu firme, de forma que sexan transitábeis e seguras, non lugares reservados para un estacionamento irregular".

As áreas metropolitanas e as estradas abertas sen beiravía son as zonas máis perigosas para as ciclistas, sinala. "Unha vez abandonas o centro das cidades e entras en vías de alta capacidade, o risco de ter un accidente aumenta. As infraestruturas non están adaptadas para ir en bicicleta" e os límites de velocidade non axudan, apunta Quique Pérez.

"As infraestruturas non están adaptadas para ir en bicicleta".

Neste sentido, insta a Xunta a implementar canto antes unha recomendación da DXT recoñecida por decreto a instancias da Organización Mundial da Saúde (OMS). "En vías urbanas o límite de velocidade debería ser de 30 km/h. Con esa rebaixa, en caso de sinistro, falece 5% das persoas. Co límite nos 50 km/h, segundo datos da OMS, morre 52% das persoas atropeladas, tanto peóns como ciclistas", advirte o portavoz de Pedaladas, quen demanda medidas integrais en todas as vías, suficientes para non crear conflito entre usuarias.

Rutas ciclistas protexidas

A Xunta da Galiza sumará 600 novos quilómetros de rutas ciclistas protexidas co fin de incrementar a seguridade das deportistas. Así o anunciou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, após reunirse co presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. A Plataforma de Contratación da Xunta publicou onte a licitación de 10 percorridos por estradas de todo o territorio especialmente transitadas por usuarias da bicicleta, identificadas no seu día por responsábeis da DXT e da federación galega.

O contrato, por valor de 220.000 euros, prevé a colocación de 300 sinais e paneis informativos para que os condutores sexan conscientes da presenza de ciclistas. As empresas interesadas en concursar teñen até o 23 de marzo para presentar as súas ofertas.