IGUALDADE

Ciberacoso: cando a tecnoloxía sistematiza a violencia

[Imaxe: SG] Ciberacoso

Segundo a antropóloga Rita Segato, vivimos nunha época de forte violencia cara as mulleres. Este fenómeno consiste nunha “pedagoxía de crueldade” que provoca a perda da empatía coa vítima. Estas prácticas collen forza nas persoas novas, que rexistran altas cotas de sexismo e violencia. Os últimos dados sobre violencia de xénero no Estado español apuntan que o 38,3% das mulleres menores de 24 anos que tiveron parella sufriron violencia psicolóxica. Se falamos de mozas de entre 16 e 17 anos, a cifra ascende até o 42,6%. Eis un extracto da reportaxe publicada no semanario Sermos Galiza 278.

Á hora de analizar os dados de incidencia de violencia de xénero entre a mocidade, cómpre facelo desde o coñecemento dos códigos de comunicación e interacción da xente máis moza, profundamente enraizados nas redes sociais e outras plataformas dixitais. Un estudo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amosa que o 97,8% da mocidade galega usa internet de maneira regular, mentres que o 93% está rexistrado nalgunha rede social. O documento destaca tamén que a meirande parte destas persoas non teñen conciencia dos riscos das novas tecnoloxías, habitualmente utilizadas para exercer violencia en forma de ciberacoso.

 

Sexting, ciumes e monitorización exhaustiva a través de Whatsapp, humillación pública en grupos de chat, difusión de capturas de pantalla, memes ofensivos… Carme Adán, catedrática de Filosofía e experta en educación e igualdade, advirte, en declaracións a Sermos Galiza, que resulta alarmante a normalización entre a xente moza destas condutas menos extremas de maltrato, como o control ou os insultos.

 

“Cando traballamos esta violencia de xénero 2.0 debemos ser conscientes de que estas mozas e mozos viven a violencia de xeito distinto, concentrada en tres ou oito meses en vez de en anos. Ao convivir cos pais, a violencia acontece a través dos dispositivos móbiles, que son o seu espazo natural, e é onde aparecen as chantaxes, o control, a burla pública…”, explica Adán, quen incide na necesidade de educar sempre desde a perspectiva feminista.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 278, á venda na loxa e nos quiosques habituais]