As chuvias arrastran cinzas do monte queimado degradando solos, ríos e rías

Vista do terreo calcinado polo incendio de Boiro, que arrasou 2.000 hectáreas. (Foto: Arxina)
Colectivos ecoloxistas como Adega piden á Xunta “traballar desde o día seguinte a extinguir un incendio” para evitar que a cinza e os restos queimados afecten as contornas naturais das zonas afectadas. Aliás, as mariscadoras ollan con preocupación para unha situación que pode “asfixiar” o seu traballo durante anos.

“O problema dos incendios non remata cando apagamos o lume, agora é cando temos que actuar”. Así de contundente se mostra Fins Eirexas, xeólogo da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) ao conversar con Nós Diario sobre as consecuencias que terá nos vindeiros meses a vaga de lumes que está a afectar o país desde o pasado mes de xullo.

Para o ecoloxista, “non se trata só da perda de biodiversidade provocada polas lapas”, senón que tamén cómpre atender a degradación do solo fértil dos montes galegos. “É, xunto cos efectos devastadores do lume, a principal consecuencia negativa que deixan os incendios no territorio”, asegura.

As chamas teñen un efecto sumamente lesivo no solo forestal, xa que destrúen a súa estrutura compactada e eliminan as propiedades que favorecen a súa rexeneración. “A biodiversidade pode recuperarse en 10, 20 ou 30 anos, dependendo da zona e de cal fose a súa situación antes do incendio”, explica Eirexas, “pero para que un solo recupere o seu estado anterior ao paso do lume teñen que pasar centos de anos.
Aliás, ao destruírse a estrutura que conformaba o solo forestal, despréndense diferentes sedimentos que, arrastrados polas precipitacións, afectan tanto a contorna natural do territorio calcinado como espazos rurais, urbanos e mesmo laborais.

Eirexas subliña que “os efectos negativos dun incendio poden darse mesmo a varios quilómetros do punto no que ardeu”. A choiva leva toneladas de cinzas e restos pétreos ou madeireiros até ríos e outros espazos fluviais, como encoros e pozos subterráneos. Entre as consecuencias deste suceso están a perda de biodiversidade, tanto no leito como na propia auga; e a posíbel obstrución destes espazos hídricos, que en moitos casos abastecen de auga vilas e cidades. No caso dos incendios orixinados nas proximidades da costa, estes restos poden rematar afectando o traballo de mariscadoras e pescadoras, xa que as precipitacións arrastra a cinza aos leitos das rías. 

Marisqueo

Rita Míguez, mariscadora e presidenta da Asociación Nacional de Mulleres na Pesca (Amunpesca) sinala a Nós Diario que a cinza ten graves consecuencias para o seu traballo, xa que pode chegar a asfixiar o marisco. “Á ría chegan partículas grandes e partículas microscópicas. As grandes, que están en suspensión, poden ser retiradas, pero as microscópicas forman unha capa no leito mariño que mata o marisco”, detalla.

Para o sector, un incendio que dure unha semana pode supor até catro anos de traballo perdido. “O marisco precisa dun tempo para rexenerarse e estar nas condicións óptimas para poder ser recollido. Ademais, somos as mariscadoras as que temos que limpar o leito do mar para poder seguir traballando nel”. Tanto mariscadoras como pescadoras piden ás autoridades que se tomen medidas para evitar que as cinzas cheguen ao mar. “O primeiro é recuperar o monte, pero o mar tamén se ve moi afectado e precisa de medidas urxentes”, di.

Unha idea na que coincide Eirexas, para quen a xestión do monte queimado é “fundamental” para evitar que se produza “un segundo desastre ecolóxico”. Medidas como o engadido de palla no chan ardido ou a plantación de herbáceas de rápido crecemento son algunhas das posíbeis solucións.

Porén, Eirexas manifesta que a Xunta non vai dispor os recursos necesarios para levar esta tarefa a cabo. “Se non o destinan á prevención nin á extinción dos incendios, moito menos van destinalo a esta cuestión”, di. 

Reunión de alcaldes con Medio Rural

Nesta cuarta feira, os alcaldes da Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo e a tenente alcalde de Ribeira reuníronse co conselleiro de Medio Rural, José González, para demandarlle medidas tras os incendios que afectaron esta zona, tales como a rexeneración da serra e impedir que haxa arrastre de cinzas. Tamén demandaron medidas para o curto, medio e longo prazo, con atención ás accións de prevención dos lumes.