Chuvia de críticas nas redes a Rueda após a súa participación no 'Land Rober' e por querer "programar as mareas"

Alfonso Rueda e Roberto Vilar esta quinta feira (Foto: TVG).
A emisión do 'Land Rober' provocou unha chuvia de críticas nas redes por diversos motivos, os principais xiran a redor dos propios representantes públicos que son convidados ao programa.

“Pintar a mona”, iso foi facer o titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, na noite da quinta feira ao programa ‘Land Rober’ da Televisión da Galiza (TVG).

Un programa que se emite nos momentos de máxima audiencia (o coñecido como prime time) da televisión publica galega todas as quintas feiras.

A emisión do último programa ao que estaba convidado Rueda provocou, porén, unha chuvia de críticas nas redes por diversos motivos, os principais xiran a redor dos propios representantes públicos que son convidados ao programa.

Até o de agora, os únicos tres políticos de alto nivel convidados foron Alberto Núñez Feixoo, Alfonso Rueda e Abel Caballero, todos homes.

Isto provocou críticas sendo que, por exemplo, a actual líder da oposición no Parlamento galego e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aínda non tivo a oportunidade de acudir ao programa presentado por Roberto Vilar.

"Programar as mareas"

Mais non só o propio convite a Rueda provocou polémica nas redes senón a actuación do presidente da Xunta durante a emisión do programa.

Nun momento da emisión, Rueda fixo unha chamada en directo a Andalucía que colleu unha muller. Rueda instouna a dicirlle se quería “vir a Galiza” para así “poder programar as mareas”.

Mais non parou aí, o titular do Goberno galego tamén se atreveu a danzar cos membros da orquestra O Combo dominicano, nunha imaxes que moitos usuarios das redes cualificaron de “ridículo”.