Sanidade pública

O CHUS leva "semanas" sen cubrir 6 radiólogos de baixa mentres hai 17.000 persoas en espera por unha proba

#CHUS Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Nós Diario)

Denúnciao a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que responsabiliza a Xerenacia da situación.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia que nestes momentos hai 6 radiólogos que están en situación de baixa temporal neste hospital compostelán e que non foron substituídos.

Así o afirma nun comunicado remitido aos medios, no que indica que “ recentemente pacientes que están a espera dunha proba puxeron no noso coñecemento que neste momento 6 radiólogos están en situación de baixa temporal sen que se contratara persoal de substitución”.

“Persiste a contumaz conduta dos directivos desta área sanitaria de cargar sobre as costas dos pacientes as demoras producidas na realización de probas diagnósticas como consecuencia da insuficiente dotación de medios humanos”, afirma este colectivo.

A Asociación bota man dos últimos datos publicados polo Sergas (de xuño de 2023) e indica que na área sanitaria de Santiago “un total de 17.095 persoas estaban a espera dunha proba diagnóstica. E isto sen contar cos miles de pacientes que agardan a realizar a segunda e sucesiva proba de control e avaliación que non son obxecto de publicación”.

Os datos “mostran unha situación de grave deteriorización nos tempos de espera comparando o primeiro semestre do ano 2023 cos datos do ano 2022 e cos inmediatamente anteriores ao 2020, cando se declara a alarma sanitaria”, explican.

“En termos absolutos as persoas en espera por unha proba diagnóstica aumentan, respecto do ano 2022 en 2.052, concentrándose no tramo de espera de 3 a 6 meses. Respecto do ano 2019, o aumento absoluto de pacientes en espera foi nada mais e nada menos que de 8.375 (96 por 100 de incremento)”.

“Resulta evidente”, acrecentan,  que este aumento tan relevante non pode responder á existencia de pacientes en espera de acordo co tempo pautado, senón a demoras que exceden da pauta médica. As cifras mostran só unha parte da degradación do sistema. Non mostran o sufrimento e o dano causado pola demora na atención, nin a relación existente entre a gravidade da doenza e a demora na realización da proba”.

“As dificultades que podan existir para substituír a persoal sanitario especializado, non pode ser a escusa para que toda deficiencia de medios humanos se resolva aumentando os tempos de espera dos pacientes e incrementando a presión laboral sobre o resto dos profesionais”.

Polo tanto, “non é aceptábel que, con esta evolución tan negativa das listas de espera, queden sen cubrir postos temporalmente vacantes do persoal que impacta sobre as demoras nas probas e que nas doenzas tempo-dependentes poden causar danos irreparábeis”, conclúen