Sanidade pública

O CHUS deixa pacientes oncolóxicos sen revisións

Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Nós Diario)

O feche de camas xera problemas na área de Vigo.

Os recortes sanitarios déixanse notar no sistema sanitario galego. O feche de camas hospitalarias está a provocar agardas dun día a unha media de 20 a 25 doentes para poder ingresar no hospitais de Vigo. Asemade, as demoras nas citas de oncoloxía continúan no Centro Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS) e a falta de persoal paraliza centos de consultas nos centros de saúde de todo país. Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, non considera necesarios reforzos en Atención Primaria fóra das comarcas do Baixo Miño e do Salnés

A federación da saúde da CIG advertiu esta terza feira que o feche de camas “está a supor un atraso no ingreso nas plantas, sobrecargando o servizo de urxencias e tendo que improvisar solucións como o desdobramento de camas ou habilitación de cuartos destinadas para outros fins, precisamente xusto cando menos persoal hai nas plantas e nos servizos”. Nesta liña, asegura que “todo isto dificulta a asistencia, polo que as profesionais demandan poder realizar o seu traballo asegurando a calidade asistencial a doentes”.

A asociación de pacientes do CHUS denunciou tamén esta terza “o maltrato" a doentes e advertiu da existencia de “pacientes oncolóxicos sen cita e sen ningunha garantía de que van ter a revisión da súa enfermidade e os controis e probas diagnósticas necesarios no tempo que corresponde”. Nesta dirección, denuncian que a Consellaría de Sanidade “segue a antepor criterios de xestión de recursos fronte aos protocolos que o propio Sergas acepta para o seguimento de pacientes con esta doenza”.

Aliás, o persoal da unidade de Psiquiatría do hospital compostelán Gil Casares mobilizouse esta terza para protestar pola “situación estrutural e o risco que se estaba a correr por parte do persoal para que se fixese unha nova avaliación da unidade de Psiquiatría”.

García Comesaña rexeita "ningunha incidencia destacábel"

As autoridades restan importancia a esta situación. Nesa dirección, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinala que non hai “ningunha incidencia destacábel” malia o  “contexto de falta de médicos” que provoca que calquera pequena cousa que se sae desta normalidade provoca un problema”. Porén, asegura que “a previsión é que todas estas necesidades que tiñamos coñecidas, están a cubrirse".