O CHUO atende persoas dependentes en unidades "sen as condicións axeitadas"

Detalles dunha das habitacións que abre o CHUO cando as demais unidades están a 100% da súa capacidade (Fotos: Cedidas).
O hospital conta con catro unidades de hospitalización que "abren e fechan" en función da capacidade das demais.

Cando as demais unidades chegan a 100% da súa capacidade, a xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) ordena abrir, de forma temporal, catro unidades do edificio materno-infantil para garantir a atención de todas as persoas doentes.

Porén, segundo denuncian a Nós Diario fontes do persoal do CHUO, estas unidades "carecen das instalacións axeitadas", tanto para pacientes como para profesionais, unha situación que, afirman, levaron as familias a mostrarse en disconformidade con esas instalacións presentando nalgunha ocasión queixas por escrito.

"Malia estaren habitualmente fechadas e abriren só cando as demais están saturadas, se pensas abrilas tes que garantir un servizo de calidade", sinalan estas mesmas fontes. As persoas que máis frecuentemente se derivan a estas unidades son doentes de medicina interna, na maioría dos casos con alta dependencia.

A escaseza de medios nestas unidades de "abrir e fechar" son notábeis: "O carro das curas semella da Guerra Civil, unha compañeira fixo a súa quenda cun só tensiómetro para atender todas as persoas. En moitas habitacións non hai televisor e os baños son moi cativos e non teñen nin cortinas, é moi difícil asear pacientes con mobilidade reducida", salientan.

Esta situación prodúcese, porén, nun contexto no que se podería optar por medidas alternativas tendo en conta os medios dos que dispón hoxe o hospital.

Así, as fontes consultadas por este xornal lembran que o edificio do Hospital Xeral do CHUO conta cunha unidade 4 dereita de hospitalización, con capacidade para 22 camas, que foi fechada en abril de 2021 en plena pandemia e aínda non se reabriu por mor das obras que se están a acometer en todo o complexo, malia que desde o fechamento desta unidade "non volveron facer máis obras" neste emprazamento.

Aliás, no CHUO existe unha unidade de innovación con 21 camas "e coas mellores instalacións de todo o hospital" que tamén se atopa fechada actualmente.