Chíos do #debate2013: cando o PP chamou ''espanholista'' a Esquerda Unida

A foto que Feijóo ten da Galiza. Tres grupos da oposición que proxectan o negativo da mesma foto. Brincadeiras polo denso que resultou o discurso de Pedro Puy, voceiro do PPdG na Cámara galega. E unha portavoz do PPdG, Paula Prado, que critica --en galego-portugués-- o "espanholismo" de Esquerda Unida. Todo isto foi o que deu de si o #debate2013 no Twitter.


Como ben di o sabio refraneiro popular galego, cada quen conta a feira segundo lle vai nela. Foi o que aconteceu esta terza feira na primeira xornada do debate do estado da Nación, onde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, proxectou unha imaxe dunha Galiza onde non hai 300.000 persoas no desemprego; onde o repagamento dos medicamentos é "prescrición farmacéutica máis racional"; onde a megaminaría é "elemento tractor de crecemento"; onde as 79 mortes de Angrois serven para chamar á oposición a "cooperar" malia terlle negado a investigación das causas do sinistro do Alvia; e onde o gobernante do País se parabeniza porque Novagalicia Banco sexa "a primeira entidade que se vende" e di manter "intacta a confianza" nos floteis de Pemex. 

No negativo desa imaxe, as intervencións do Bloque, de AGE e do PSdG. O seguimento do debate na rede social Twitter apoia as forzas da oposición, fai ferver o hastag #Feijoomentireiro e deixa practicamente soa á principal valedora dos discursos de Feijóo e do voceiro do grupo parlamentar do PPdG, a deputada conservadora Paula Prado, quen se atreveu até a chiar que @s militantes de Esquerda Unida son "espanholistas". E si, fíxoo empregando o galego-portugués. 

Así as cousas, no comezo desta primeira xornada de debate @outes xa se queixou de que "Feijóo conta un conto sobre as melloras en sanidade namentres se aplica o copago" e foron varios os chíos que lle recriminaron ao presidente da Xunta esa "confianza intacta" que dixo ter nos floteis de Pemex. Preocupado pola dición do líder dos e das conservadoras galegas mostrouse @tawil: "tambén é preocupante que logo de cinco anos alimentándo-a, Feijoo nom aprendera que se pronuncia CRISE". O twitteiro achegou para o titular da Xunta unha ligazón ao Dicionario de pronuncia da lingua galega, aloxado no portal web da USC.

Houbo tamén quen se fixou na escolla de hastag que fixo o PPdG para a ocasión; namentres a comunidade twitteira empregou #debate2013, a formación conservadora decantouse por #DEAGalicia2013 e @cousasdeimeneo apunta un razoamento posíbel: "será porque Feijóo estivo relacionado co narcotráfico", sinala, en referencia á Axencia estadounidense antidroga --DEA polas súas siglas en inglés--. 

Foi sen dúbida a intervención do voceiro do PPdG no Parlamento galego, Pedro Puy, o que máis chíos mereceu. Díxolle ao Bloque que o seu partido non é "soberanista" --nihil novi sub sole-- e tanto insistiu na imaxe da Galiza idílica que pola mañá describira Feijóo que @echeoquehai anunciou o seguinte: "Decidido. Vou facer as maletas. Emigro ao país de Puy". Por certo, que na conta oficial da @xunta o #debate2013 foi, máis ben, un monólogo: non se publicou chío ningún referido ás intervencións das tres forzas da oposición.

Sigamos coa intervención do voceiro do PPdG: "Agora manter a progresividade é baixar o IRPF e aumentar os impostos indirectos. Que Puy devolva a praza na USC, por favor", reclamou @xarubal após ouvir as argumentacións do conservador. A densidade do seu discurso foi obxecto de varios chíos e nós recollemos un, o de @criseNervios: "En descargo de Pedro Puy direi que non perdeu a súa emblemática capacidade de aburrir". 

Á procura das piadas que resumisen a primeira xornada do debate tamén a conta oficial da deputada conservadora e voceira do PPdG Paula Prado atraeu a nosa atención. @paulapra2 desfaise en críticas cara aos tres grupos da oposición. Cualifica a Beiras de "deputado máis vago da historia do Parlamento galego" e acúsao, ao igual que a Francisco Jorquera, de botar 45 minutos "falando de cousas de meigas, de caldo de berzas sen unto... e CERO propostas". 

Hai máis. Para @paulapra2 defender a distribución da riqueza "entre ricos e pobres" é "solidariedade nacionalista", seica; o discurso de Puy foi "unha lección maxistral e intelixente"; o voceiro do PSdG, Méndez Romeu, "non defrauda! Mágoa de oposición!" e emprega un -nh para chamar "espanholista" a Esquerda Unida. Esta última intervención mereceulle a consideración de "patriota galega!!!" nun chío publicado por @millanfernandez.

E até aquí o resumo en Twitter dun debate que @hastag_pista resume nunha frase --"non vos queixedes tanto que hai sitios que están peor" e onde @cascarelo recomendou "que alguém lhe explique a Feijóo que o Castelao esse do que tanto se fala nom é Castelao Bragaña".