Os chíos que inciten "a alterar a orde pública" poderán carrexar até un ano de cárcere

Así o dispón o proxecto do Código Penal aprobado no último Consello de ministr@s, que fai referencia non só a Twitter senón a calquera rede social accesíbel desde a internet.


 

Entre tres meses e un ano de cárcere. É a pena que contempla o novo artigo introducido polo Goberno español no proxecto de Código penal para "a distribución ou difusión pública de mensaxes ou consignas que inciten á comisión dalgún delito de alteración da orde pública". Tamén se estabelece un baremo de multas que vai desde os tres aos doce meses. 

A referencia a calquera medio inclúe as redes sociais accesíbeis desde a internet, incluídas o Twitter e o Facebook. Aliás, os delitos "graves", castigados cunha pena de entre un e seis anos de cárcere, pasan a ser aqueles onde "algunha das persoas participantes" porte unha arma ou outro instrumento "perigoso", exhiba unha arma de fogo simulada ou lance obxectos contundentes ou líqueidos inflamábeis, provoque lumes ou empregue explosivos.