Éxito no encontro da Rede Acampa na Coruña sobre "a pandemia da fame"

Foto de familia do encontro da rede Acampa pola Paz deste ano, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Un grupo de persoas irrompeu nunha das casetas da organización ao berro de "somos de Vox", algo que para a organización foi só "unha mancha diminuta" no contexto dunha grande afluencia de persoas interesadas na mostra.

A Rede Acampa agradece o "cheo" na carpa central do VI Encontro Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, decorrido desde a pasada quinta feira até o sábado nos xardíns de Méndez Núñez, na Coruña.

A cidade acolleu durante tres días diferentes activistas e artistas que, a través de coloquios, exposicións, visitas guiadas e proxeccións, presentaron a súa perspectiva sobre "a pandemia da fame". Así, destaca a organización nun comunicado, A Coruña tornou nun espazo para "a defensa dos dereitos humanos e as persoas vulnerábeis que padecen fame".

Malia o éxito de afluencia, con todo, a organización denunciou "vandalismo" no Campo de Interpretación da fame na noite da quinta feira. Aseguran que un grupo de persoas que estaba de 'botellón' rachou algunhas das figuras e roubou pezas e materiais.

Un grupo de persoas irrompeu nunha das casetas da organización ao berro de "somos de Vox"

Mais desde rede Acampa salienta que "a provocación de catro preadolescentes na caseta dunha das organizacións integrantes da Rede ao berro de 'somos de Vox' non desluciron en nada" o desenvolvemento do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz. "É verdade que como sociedade deben preocuparnos estes incidentes, porque reflicten de maneira preocupante o que estamos a facer mal no campo da educación", lamenta o coordinador de Acampa, Xosé Abad.

A pesar disto, consideran que foi "unha mancha diminuta" en comparanza coa resposta dos coruñeses e coruñesas cara á súa "proposta reflexiva", que encheron a carpa central para participar das actividades propostas e que, engade, failles sentir "indiscutibelmente orgullosos e seguros de que o traballo da Rede Acampa ten un público fiel que quere estar informado, con conciencia crítica".

A organización subliña tamén a visita de varios colexios e institutos da Coruña e mais da súa contorna ao Campo de Interpretación da fame, un espazo no que puideron escoitar as explicacións de Marga González, de Amnistía Internacional, sobre a realidade da fame e as súas causas e consecuencias para 811 millóns de persoas no mundo.

"Odio ou convivencia"

Por outra parte, as máis de 80 organizacións que integran Acampa reuníronse no marco deste encontro para elixir o tema sobre o que versará a proposta da sétima edición deste evento que, "por goleada", será "odio ou convivencia".

Neste senso, Rede Acampa xustifica a elección debido ao "crecemento do odio a nivel global e a diminución da tolerancia social ao diferente, nun momento no que os tránsitos migratorios aumentarán e millóns de persoas camiñarán na procura de refuxio", polo que "debería estar na primeira liña das preocupacións de sociedades, gobernos e estados".

Por estes motivos, Xosé Abad argumenta que "é máis que oportuno reflexionar sobre esta dicotomía" —odio ou convivencia— e "ter claro de que lado hai que estar e estalo dunha forma militante".

Por último, convidou a cidadanía a visitar as exposicións fotográficas de #FameeRefuxio con imaxes de Ricard García Vilanova, Juan Carlos Tomasi, Silvia Landi, Lys Arango, Pablo Basto, Javier Tenente ou Rodrigo Zaim, que ficarán expostas até o 7 de xullo.