“Cheira a cal vivo”. Ducias de estudantes boicotean Felipe González na Universidade de Madrid

Escracho na Autónoma a Felipe González e Juan Luis Cebrián

Sobre 200 persoas protestan pola presenza do ex-presidente e Juan Luis Cebrián na Universidade Autónoma, onde ían tomar parte nunha conferencia que tivo que ser suspendida.

Felipe González e Juan Luis Cebrián acudían á Universidade Autónoma de Madrid para participar nun coloquio no marco das xornadas 'Sociedade e cambio global'. Nas escaleiras de acceso á Facultade de Dereito agardábanos por volta dunhas 200 persoas, que protestaban pola presenza do ex-presidente español e o presidente executivo do grupo Prisa. “Felipe González e Juan Luis Cebrián, non sodes benvidos. GAL, papeis de Panamá, censura, torturas, manipulación...

 

 

Algúns dos participantes no escracho levaban caretas brancas, nalgunhas das cales que figuraban os nomes de vítimas dos atentados dos GAL, como Joxean Lasa, Christian Olaskoaga ou Robert Caplanee. Ao berro de 'Felipe González, estás manchado de sangue', 'Fóra golpistas da universidade' ou 'Asasinos, non sodes benvidos', as concentradas protestaban contra “dúas persoas que representan o peor do vello e que non remata de morrer”, como se explicaba nunha das voandeiras repartidas durante o protesto. “Consideramos un deber denunciar e incomodar a aquelas persoas que empregan o seu poder e influencia política en agrandar as desigualdades sociais mediante todo tipo de mecanismos”, engadíase nese texto. "Cheira a cal vivo" foi outra das palabras de orde coreadas polos concentrados, referencia a Lasa e Zabala, membros de ETA asasinados polos GAL.

O lapsus de Felipe González e as “cousas” que se fixeron en Euskadi

A finais de setembro, nunha entrevista na Cadena Ser co debate interno do PSOE como elemento central o ex-presidente nun estraño lapsus, afirmou: “Nunca tivemos peor resultado no País Vasco a pesar das cousas que fixemos.. ta-pa-tá”. A frase axiña se estendeu polas redes sociais e a interpretación maioritaria foi que se estaba a referir aos GAL e a época de terrorismo de estado baixo os anos de gobernos socialistas contra ETA.