Crise dos pellets

Chegan os pellets de plástico a Pontevedra e o Concello reacciona

Pellets de plástico. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
O Goberno local deixa en mans de Protección Civil o control da praia da Posta e as fluviais de Ponte Sampaio e Monte Porreiro.

O Concello de Pontevedra detectou na mañá desta sexta feira a chegada dos primeiros pellets de plástico á praia da Posta, no Cabo, en Praceres -agora fechada temporalmente-. Foron detectados por axentes da Policía Local que estaban a realizar labores de control, informou a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde. Polo de agora, asegurou, "hai pouca presenza" destes materiais.

Desde o Goberno local deron aviso inmediato á central de emerxencias do 112 e enviaron un correo electrónico á dirección que determina o Plan de continxencia que ten activado a Xunta da Galiza. Ademais, comunicouse a Presidencia, así como ás consellarías afectadas neste caso, nomeadamente Medio Ambiente e Mar.

"Puxémonos á disposición da Xunta e estamos á espera de que nos mande a información ou as instrucciones necesarias para actuar. Solicitámoslle apoio para a limpeza xeral das praias, neste caso a que está afectada", precisou a edil, quen puxo tamén a disposición o Concello de Pontevedra "para colaborar no que sexa necesario", sempre "á espera da información que chegue da Xunta".

O protocolo activado polo Concello de Pontevedra determina que sexa Protección Civil quen controlará os tres areais: a praia da Posta e as fluviais de Ponte Sampaio e Monte Porreiro. E, no caso de ter que recoller os pellets, farase "con base nos protocolos" que ten en colaboracón coa APDR, que é a entidade que se encarga de coordinar o voluntariado que se poida achegar á cidade".

Ademais, o protocolo está coordinado por dous departamentos do Concello, Protección Cidadá, que dirixe a propia Vilaverde, e Medio Ambiente, que xestiona Xaquín Moreda. Tamén participan a Policía Local, Protección Civil, o Servizo de xestión e recollida de residuos municipais e as brigadas operativas.

Paralelamente, o Concello estase a pór en contacto coas entidades que teñen relación directa co litoral, como a Confraría de pescadores de Lourizán, a confraría de pescadores de Arcade, o Club de Piragüismo Río Verdugo, o Club de Piragüismo Cidade de Pontevedra, o Club Naval de Pontevedra ou o Club Sapo.

Eva Vilaverde afirmou que Pontevedra é "un concello que non é de praias, e as praias son pequerrechiñas". "Pensabamos que non chegarían pellets ou que tardarían un pouquiño máis, pero por desgracia xa apareceron hoxe. Pero, en todo caso, si somos un concello do litoral e este tipo de ecosistemas deben ter especial cuidado e protección por parte das administracións. O Concello así o entende e está enriba, e esperemos que a Xunta actúe en consecuencia e de maneira responsábel", subliñou.