Chega Irene, unha borrasca que deixará fortes ventos e chuvia en boa parte do país

Grandes ondas en Ribadeo polo temporal. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Meteogaliza activou un aviso laranxa por vento do sur forza oito no litoral noroeste -especialmente na Costa da Morte- e nas Rías Baixas.

O achegamento da borrasca ‘Irene’ deixará ventos fortes na Galiza, tanto en terra como en mar, e choivas intensas en zonas do noroeste galego e no sueste durante a tarde desta terza feira.

Así, Meteogaliza activou un aviso laranxa por vento do sur forza oito no litoral noroeste -especialmente na Costa da Morte- e nas Rías Baixas, entre as 18 horas desta terza feira e as 00 horas da cuarta feira. Ademais, a entidade mantén activo o aviso amarelo en todo o país desde as 15 horas por ventos de sur-suroeste con refachos de máis de 70-80 quilómetros por hora.

Choivas

En canto ás choivas, o aviso amarelo esténdese por boa parte do territorio, por acumulacións de 40 litros en 12 horas. No caso do noroeste galego o aviso está activo entre as 15 horas e as 00 horas, mentres que en Ourense será entre as 21 horas e as 09 horas. Sobre o aviso amarelo por ondas na Costa da Morte e nas Rías Baixas, Meteogaliza prevé ondas de catro a cinco metros durante a noite e até as 09 horas da cuarta feira.