Chega o horario de verán entre debates sobre a conveniencia de manter a hora

Na Galiza a poboación esperta e pasa as primeiras horas do día no inverno sendo aínda de noite. (Foto: Lightfield Studios)
Un ano máis chega o cambio estacional de hora que se produce na primavera. A pesar da institucionalización desta mudanza horaria, as persoas expertas non se poñen de acordo sobre se é preciso eliminar este cambio ou mantelo, o que se suma á discusión sobre o fuso horario máis axeitado para a Galiza.

As dúas da maña desta madrugada, xa no 27 de marzo, o reloxo adiantarase automaticamente 60 minutos até as 3 da mañá, para entrar no horario de verán, que se manterá até o próximo 3 de outubro, cando haberá que efectuar a operación contraria. Este novo cambio de hora chega após varios anos de debate sobre a conveniencia de manter este esquema de horarios estacionais ou deixar a mesma hora de referencia ao longo do ano.

O intercambio de opinións levou a Comisión Europea a aprobar un proxecto de directiva en 2018 para acabar co cambio de hora, unha opción ratificada polo Parlamento Europeo, o que levou ao Estado a impulsar no mesmo ano unha Comisión de persoas expertas para o estudo da reforma da hora oficial.

Non obstante, o debate continúa, polo que esta proposta aínda non foi aplicada. No que atinxe á Comisión estatal, a comezos de 2019 concluíu que non era recomendábel unha mudanza precipitada mentres non existira consenso e difusión á cidadanía das consecuencias que implicaría, así como que a análise debería vencellarse cos distintos usos do tempo, procurando pautas de comportamento compatíbeis cos modelos que se avalíen.

En todo caso, na principal enquisa na que se interrogou á poboación da Unión Europea a este respecto, organizada en 2018 pola Comisión Europea, o 80% das 4,6 millóns de persoas que participaron apostaron por eliminar o cambio de hora estacional. O catedrático da área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge Mira, que amais participou na Comisión estatal de persoas expertas, defende a importancia do cambio de hora, que define como “un proceso natural”.

“Todo bicho vivente adapta os seus horarios ao longo do ano”, explica, incidindo en que tanto as horas de luz como a maneira na que alumea o sol “cambia moitísimo cada seis meses”, pasando de nove horas de luz no solsticio de inverno, “cunha incidencia menor que nos bordos da Antártida”, a 15 horas nos últimos días de xuño, “cunha incidencia maior que a que hai no centro de Kenya”, relata.

"É unha modificación artificial do tempo natural de cambio paulatino da duración do día e a noite", di Martin Pawley

“O ser humano non se pode rexer polas mesmas marcas horarias todo o ano”, resolve, narrando como ao colectivizarse a sociedade estes horarios tiveron que coordinarse, o que levou ao Estado español a fixar a comezos do século XX a súa hora oficial, polo que ese cambio natural “hai que facelo agora co reloxo” para facer de maneira simultánea “todos os microcambios da sociedade”, e se acaba por eliminarse, será a propia sociedade quen “vai ter que reaccionar e o fará descoordinadamente”.

Pola contra, o divulgador científico e membro da Agrupación Astronómica Ío, Martin Pawley, rexeita o cambio estacional de hora porque “é unha modificación artificial do tempo natural de cambio paulatino da duración do día e a noite”, co obxectivo de que se axusten “a unhas supostas conveniencias civís que nunca foron suficientemente explicadas”.

Ademais, fai fincapé en que as argumentacións sobre aforro enerxético non se sosteñen, o propio Instituto Enerxético da Galiza, dependente da Consellaría de Economía, Empresa e Innovación, recoñece que a diminución do consumo eléctrico na Galiza sitúase no 0,4%.

Nese sentido, salienta as investigacións no ámbito da cronobioloxía, que estuda os ritmos biolóxicos, e que determina as implicacións dunha “alteración abrupta de como nos relacionamos co día e a noite”, co conseguinte impacto na saúde, “mesmo crises cardíacas vinculadas”, e defendendo que semella “público e notorio” que a poboación se sinte afectada por esta mudanza. “Non deixa de ser unha decisión política”, asegura, mais “os argumentos científicos van por outra vía”.

Fuso horario

Outro debate diferente é o relativo ao cambio do fuso horario da Galiza para axeitalo a súa posición xeográfica, que lanzou o Bloque Nacionalista Galego en 2006. Arredor desta cuestión, Mira apunta que “o cambio de referencia á hora de facer unha medida non altera o resultado”, afirmando que “cambiar [o fuso horario] é meter a sociedade nun problema para non gañar nada”.

O que si ocorre, recoñece, e que “as persoas despois de décadas con esa marca adquiren esa referencia e naturalízana”, polo que a sociedade galega e estatal “non ten ningún problema con respecto a regulación dos ritmos biolóxicos”, indicando que no caso, por exemplo, dos telexornais portugueses e estatais, comezan os seus informativos ao mesmo tempo, aínda que no reloxo a diferenza sexa dunha hora.

“Fisioloxicamente, o máis útil e espertar pola mañá con luz natural”, relata Pawley, pero no inverno as galegas e galegos teñen que erguerse de noite, ao non saír o sol até as 9 da mañá a finais de decembro, como resultado dunha diverxencia entre a hora oficial  e a solar dunha hora e media, que no verán chega a dúas horas de media, “só algúns territorios chineses teñen maior diverxencia”, asevera, poñendo o foco en que se isto “fora o sensato o resto do mundo faría o mesmo, pero non, somos unha singularidade no planeta".

Efectos no corpo

A revista The American Journal of Cardiology publicou un artigo no que sinala que nos días posteriores ao cambio de hora na primavera se producen máis infartos, recoñecen os hospitais dos Estados Unidos. Ademais, outro estudo asegura que o cambio de hora provoca máis accidentes de tráfico, ao afectar a duración e calidade do sono.