Social

Un millón de máscaras de protección contra o coronavirus con debuxos de Leiro e Canogal

Operario na central loxística do Sergas (Xunta).
O material será distribuído a todo o país, mais con carácter prioritario Sanidade enviaráo a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias.

Galiza recibiu esta quinta feira o terceiro envío das máscaras de protección adquiridas pola Xunta, trátase dun millón de unidades que xa están na plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde (Sergas), situada en Negreira, para loitar contra a expansión do coronavirus.  

Segundo informa a Consellaría de Sanidade, o material sanitario que se reparta a partir de agora levará ilustracións doadas polo artista cambadés Francisco Leiro e polo toledano Rafael Canogal

O material será distribuído desde este centro a todo o país, con carácter prioritario Sanidade enviaráo a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias, tal e como especifican os protocolos elaborados coas recomendacións do persoal de medicina preventiva.

Francisco Leiro (Cambados, 1957)  dedícase á escultura, mais tamén practica, esporadicamente, o debuxo e a pintura. Aínda que nunca abandona o granito, o seu material preferido foi sempre a madeira; tamén traballou sobre mármore, formigón, ferro ou aceiro. É o autor de grandes esculturas como o Sereo da Porta do Sol de Vigo ou o Astronauta da Glorieta do Universo de Valdemoro (Madrid). 

Rafael Canogar (Toledo, 1935) é un dos principais representantes do arte abstracto no Estado e forma parte da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Empregou inicialmente unha técnica escultopictórica: con as súas mans arañaba ou espremía a pasta que facía vibrar sobre fondos de colores planos; para ao longo da súa carreira ir, progresivamente, volvendo á realidade dunha figuración complexa cada vez máis narrativa

Este material de protección súmase ás 700.000 máscaras recepcionadas o pasado domingo e aos 2 millóns de máscaras da pasada cuarta feira