O día 3, en Compostela, ás 20.30h

"Check point" no Teatro Principal contra Israel

[imaxe: cedida]. Participantes das protestas acontecidas na franxa de Gaza

O evento, que se desenvolverá esta cuarta feira 3 de abril, únese ao movemento global de rexeitamento e indignación pola realización do festival en Israel.

A rama galega de BDS (Boicot, Desinvestimentos e Sancións) e a organización Pallasos en Rebeldía organizan a gala “Eurovisión. Artwashing apartheid, limpeza étnica e xenocidio”, que terá lugar mañá ás 20.30 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

 

O acto, que será de balde para toda aquela persoa que queira asistir, estará presentado por Isabel Risco e Xurxo Souto e contará coas actuacións musicais de Monica de Nut, Alba María e Queco Díaz, Somdolilá e Jásper Nao. Tamén colaborarán Jano Costas, Culturactiva Producións e Check Point Clown, quen ofrecerán espectáculos circenses, o Mago Teto e Zeltia Irevire e Neves Seara.

 

Segundo informa a dirixente de Esculca (entidade colaboradora), Elvira Souto, a Sermos Galiza, antes do comezo da gala instalarase un check point de cartón en simulación aos controis realizados en Gaza. Tamén se realizará unha batukada polas rúas da cidade durante a cal se repartirán folletos informativos ás persoas transeúntes.

 

A realización deste evento enmárcase na campaña internacional de boicot a Eurovisión impulsada por artistas palestinos. Tal como explica Souto, “alén de ser un disparate xeográfico, o festival é unha tentativa de lavar a cara a un réxime internacionalmente acusado de cometer crimes contra a humanidade”.

 

Coloquio sobre Palestina

 

Como actividade complementaria, hoxe realizarase, ás 20 horas, un coloquio sobre a situación de Gaza e Cisxordania na Facultade de Historia. No evento participarán o gazatí Shami Ashou, presidente da Asociación Galaico-Árabe Jeni, Daniel de BDS GZ e Roxo de Pallasos en Rebeldía, os cales desenvolveron accións de axuda humanitaria en Palestina.