Galiza con Palestina no seu día da Patria

Manifestación en Vigo

Varios colectivos convocan unha concentración ás 16:30 horas da próxima cuarta feira nas escaleiras da Alameda compostelá en solidariedade co pobo palestino

Co gallo do Día da Galiza, Mar de Lumes organiza unha acción simbólica internacionalista. Este ano, a protagonista das reivindicacións será Palestina, “un pobo que vive nun permanente estado de agresión por parte de Israel, e que nos últimos meses volveu ter que contar vítimas mortais por disparos do exército israelita contra manifestantes desarmados”, sinalan desde o comité. A convocatoria tamén conta coa Campaña BDS Galiza e Galiza por Palestina.

 

O acto, que terá lugar ás 16:30 horas nas escaleiras da Alameda de Compostela, será presidido por unha grande faixa co lema “se mercas produtos israelitas financias a ocupación da Palestina”. Alén diso, tamén haberá persoas palestinas e realizarase a lectura dun manifesto para denunciar “o réxime sionista de apartheid, a lei que declara Israel como un estado exclusivamente xudeu e a connivencia de empresas e entidades públicas que traballan e comercian con Israel facendo ouvidos xordos ao exterminio que está a levar a cabo contra a poboación árabe”, explican nun comunicado desde Mar de Lumes.