Catro chaves da investigación do naufraxio do 'Vila de Pitanxo' nove meses despois

Á esquerda, o patrón do 'Vila de Pitanxo', Juan Padín, canda o seu avogado e mais o sobriño, Eduardo Rial. Á dereita, Samuel Kwesi. (Fotos: Europa Press)
A Audiencia Nacional chama a declarar a próxima cuarta feira os tripulantes do barco que rescatou os sobreviventes do afundimento.
  1. A versión de Juan Padín
  2. O apoio de Eduardo Rial
  3. A resposta de Samuel Kwesi
  4. A baixada ao pecio, máis perto

O xuíz da Audiencia Nacional que investiga o naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, ocorrido en augas próximas á Illa de Terranova (Canadá) o pasado 15 de febreiro, citou a declarar o próximo 30 de novembro a trece mariñeiros do Praia de Menduíña 2, o barco encargado de trasladar os tres sobreviventes e sete dos corpos localizados do sinistro.

Fontes xurídicas confirmaron a Europa Press que o titular do Xulgado Central de Instrución Número 2, Ismael Moreno, acordou chamar a sede xudicial aos tripulantes do barco que trasladaron de volta os sobreviventes e os falecidos ao porto de Cangas.

A Audiencia Nacional coordina desde o pasado mes de setembro a investigación logo de que o xuíz Moreno asumise de forma definitiva a competencia. Os maxistrados da Sección Terceira da Sala do Penal avalaron este mesmo mes de novembro a decisión adoptada o pasado 8 de setembro polo instrutor.

Moreno xa tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín, como imputado, e o seu sobriño, Eduardo Rial, e o mariñeiro Samuel Kwesi como testemuñas, ao ser os únicos sobreviventes do naufraxio. As investigacións xudiciais débense a que Kwesi ofreceu unha versión que contradi a exposta por Padín e Rial e que apuntaría a posíbeis neglixencias por parte destes que desencadearían a traxedia.

Tras escoitalos, o xuíz prohibiu abandonar o Estado español a Padín, retiroulle o pasaporte e impúxolle as obrigas de comparecer cada quince días en sede xudicial e permanecer localizado.

A versión de Juan Padín

O patrón Padín asegurou que a declaración de Kwesi non se axusta á verdade. Para explicar a súa versión, indicou que nos documentos que recollen a velocidade do buque en cada momento pódese observar que en ocasións o barco ía a unha velocidade ou a outra minutos antes do seu afundimento —entre un e catro nós—.

Tal e como subliñou na súa declaración, isto non podería suceder se o aparello estivese enganchado no fondo do mar, xa que o barco non podería desprazarse. Asemade, o patrón non soubo explicar por que non se usaron as bengalas de alerta e indicou que, a pesar de haber unha manta térmica no interior do Vila de Pitanxo, non foron capaces de collela para utilizala.

Preguntado pola posibilidade de acender o motor auxiliar, o capitán deixou claro que si se podería facer, pero diso encargábase a sala de máquinas. Tamén explicou que tardaría entre 15 e 20 minutos, polo que "non houbo tempo" para facelo, xa que "foi todo moi rápido". E asegurou que el si deu a orde de pór os traxes de supervivencia que había, un total de 31 para 24 tripulantes, pero que son os mariñeiros os que teñen que collelos e polos.

O apoio de Eduardo Rial

A declaración en sede xudicial do sobriño do patrón, Eduardo Rial, mantivo o mesmo argumentario que o exposto por Juan Padín, algo que as familias das vítimas do Pitanxo consideraron "non veraz" por "seguir a estratexia do seu tío".

Aliás, un dos mariñeiros do Praia de Menduíña 2, os que agora vén de chamar a declarar o xuíz da Audiencia Nacional, asegurou nun testemuño oficial á Garda Civil que Rial ameazara Kwesi após arribar a Terranova: "Coidado co que dis ao chegar a terra".

A resposta de Samuel Kwesi

Unha vez en sede xudicial, o mariñeiro Samuel Kwesi subscribiu as palabras que xa trasladara inicialmente á Garda Civil, indicando que foi o aparello o que parou primeiro e máis tarde o motor. Segundo el, semellaba que o aparello estaba enganchado no fondo do mar, polo que os mariñeiros pediron ao capitán que arriase cabo, mais este negouse.

O mariñeiro asegurou, segundo un vídeo no que se pode seguir parte da súa declaración publicado pola canle Cuatro, que a partir de aí o barco comezou escorar a babor tras a manobra do capitán e a "vibrar todo" e soar o motor de forma "moi forte". Foi entón cando a tripulación berrou que había que arriar o cabo ou cortalo, chegando algúns a dicirlle ao capitán: "Asasino, quérenos matar". Mais Padín non lles fixo caso, segundo esa mesma versión.

A baixada ao pecio, máis perto

A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) acordou a pasada semana enviar un robot dunha empresa privada ao pecio do pesqueiro: "As operacións desenvolveranse en varias fases. Inicialmente explorarase o fondo mariño no punto do afundimento do buque e na área circundante onde sexa máis probábel atopar o pecio", aseguraron desde esta entidade.

Á espera de que o Goberno español aprobe a licitación do contrato para o aluguer do robot mariño —ao abeiro dos procedementos estabelecidos na Lei de contratos do sector público—, a Ciaim precisa que as operacións terán lugar en 2023, aínda que sen precisar unha data, "tendo en conta a meteoroloxía da zona e a dispoñibilidade dos medios que interveñan".