Aprobada a nova 'Lei Ciclista': así se punirán agora os delitos de seguridade vial

#ciclista #ciclismo #bici #bicicleta (Foto: Nós Diario)
A Federación Galega de Ciclismo chama a protexer os ciclistas nas estradas a través do endurecemento da lexislación.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) recolle nesta cuarta feira a publicación da nova 'Lei Ciclista', un texto que endurece as penas ante delitos cometidos contra este colectivo e que supón unha modificación do Código penal no que atinxe ás imprudencias na condución de vehículos de motor ou ciclomotor, pois corrixe despenalización que se atopaba vixente desde 2015.

Agora poderá ser perseguíbel de oficio e poderán ser os xuíces os que inicien un procedemento se consideran que hai imprudencia grave, sen ter que ser solicitado pola vítima. Ademais, os fiscais tamén estarán facultados para impulsar este tipo de procedementos penais.

Aliás, as infraccións consideradas de menor gravidade a pena de privación do dereito a conducir vehículos motorizados pasa de ser facultativa a preceptiva.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo (FCG), Juan Carlos Muñiz, afirmou que os colectivos máis vulnerábeis son os que están a sufrir as perdas humanas na estrada, polo que fixo un chamamento a "seguir co traballo e a aposta" pola seguridade viaria e, "sobre todo", pola concienciación e o respecto.

Darse á fuga ou conducir alcolizado "non pode ser falta leve", precisa Muñiz

Ante os delitos cometidos contra este colectivo, Muñiz criticou que, se unha persoa atropela un ciclista e decide darse á fuga ou está baixo os efectos de alcol ou drogas, "non pode considerarse como unha falta leve", nin tampouco "como unha falta que directamente non teña unhas consecuencias".

Así, Muñiz lembrou que a federación, na última campaña para a reforma do Código penal, xa estivera "detrás" da iniciativa que solicitaba un endurecemento das penas e que non se considerasen faltas leves.

Esta iniciativa foi emprendida por unha persoa que perdeu o seu marido, en 2013, ao ser atropelado por un camión que fuxiu após o incidente.