Oito chaves que explican a Lei de Saúde

Vacinación do persoal do Servizo de axuda no fogar no Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Xunta da Galiza).
A pasada terza feira o Partido Popular aprobou en solitario a reforma da Lei de Saúde da Galiza. O rexeitamento unánime da oposición chama a atención sobre unha modificación que incorpora numerosas medidas de control e sanción, de obrigado cumprimento "cando exista ou se sospeite" dun risco grave para a saúde da poboación.

A aprobación no Parlamento da reforma sanitaria impulsada polo PP co obxectivo de dar "seguridade xurídica" ao Goberno para a xestión da pandemia aguzou o receo mais as críticas dos grupos da oposición e dos colectivos para a defensa da sanidade pública que ven na modificación do texto lexislativo de 2008 unha norma de dubidoso "encaixe legal" que intenta "enfocar un problema de saúde pública como se fose unha  cuestión de orde pública".

A reforma saíu adiante cos únicos votos a favor do PP e o rexeitamento unánime de BNG e PSOE que observan na nova lei "un estado de alarma permanente" alleo aos problemas reais da sanidade difíciles de atallar só a base de "imposicións e obrigas".

Vacinación

A máis nomeada, a da vacina. A posibilidade que a norma outorga á Xunta para impor a vacinación e sancionar a quen se negue desatou o debate sobre a obrigatoriedade de determinadas probas, tratamentos e medidas preventivas "invadindo a liberdade de decisión das persoas sobre a súa saúde e vulnerando a Lei de Consentimento Informado", apuntan desde a Plataforma SOS Sanidade Pública

A reforma sanitaria recolle "medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización, con información dos posíbeis riscos relacionados coa adopción ou non adopción destas medidas" de acordo, sinala, "co disposto na Lei orgánica 3/1986 de medidas especiais en materia de saúde pública,  cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade".

Desde SOS Sanidade Pública critican o "uso partidista da alarma social e da pandemia"

Polo tanto, estas medidas han de estar xustificadas e requirirán "a necesaria garantía xudicial conforme o disposto na lexislación procesual aplicábel", di a lei.

Desde SOS Sanidade Pública critican o "uso partidista da alarma social e da pandemia" por parte dos impulsores da reforma "para facer ostentación da súa gran preocupación pola saúde da poboación galega"  cando a lexislación actual xa contén todos os instrumentos legais necesarios para afrontala.

Sancións

Neste sentido, condenan o afán castigador da norma, que estabelece un réxime de sancións en tres niveis que van desde os 100 euros até os 600.000.
Entre as faltas leves, penadas con até 3.000 euros, estaría o incumprimento do uso da máscara, das restricións de mobilidade, dos límites de reunión ou a negativa a someterse a probas diagnósticas.

As infraccións graves poden pagarse con até 60.000 euros e inclúe o incumprimento voluntario de illamento ou corentena, a negativa facilitar datos ou información ou a apertura de locais, a realización de actos ou de actividades que fosen expresamente prohibidas.

As sancións moi graves poden chegar aos 600.000 euros en caso de incumprimento da normativa, e reincidencia. Neste capítulo a Lei de Saúde prevé sancións accesorias como a prohibición de percibir calquera tipo de axuda ou subvención das administracións públicas por un período de entre un e cinco anos e o feche temporal de locais ou servizos por un prazo máximo de cinco anos.

Control das persoas

Co fin de controlar as enfermidades transmisíbeis, a norma tamén estabelece medidas para o "control das persoas enfermas" e dos seus contactos, como o illamento domiciliario, o internamento nun centro hospitalario, o sometemento a unha corentena ou a tratamento adecuado. Solucións que segundo as entidades para a defensa da sanidade avanzan cara a un "estado policial ao multiplicar o número de autoridades sanitarias con capacidade para intervir e temas sensíbeis para as liberdades e o dereito á saúde".

Mobilidade

A Lei de Saúde recolle medidas de control que afectan ao "contorno inmediato" das persoas enfermas e dos seus contactos que poden supor limitación ou restrición da circulación ou mobilidade, controis de saída e entrada, restricións ás agrupacións de persoas e cribados masivos.

Botellón

A norma estabelece a prohibición do "consumo en grupo de bebidas alcólicas na vía pública, parques e prazas públicas, e noutros lugares de tránsito público", penada con até 3.000 euros de multa

Residencias

A Xunta podería "intervir os centros de servizos sociais de carácter residencial de persoas maiores, persoas con discapacidade ou outros centros de servizos sociais de análoga natureza, de carácter público ou privado". 

Novas tecnoloxías 

A "protección da saúde pública a través das novas tecnoloxías" que recolle a lei, din desde SOS Sanidade Pública, "pretende controlar a vida e a actividade das persoas" mediante sistemas de alerta, xeolocalización e identificación de contactos.

Vítimas da violencia machista, en risco

Xa antes de se aprobar a reforma sanitaria SOS Sanidade Pública advertiu do risco de que mulleres vítimas da violencia machista poidan verse privadas de axudas e subvencións por unha sanción accesoria. Unha observación que a Secretaría Xeral de Igualdade tamén trasladou por escrito para advertir do risco desta privación ao teren, estas axudas, "a finalidade de facilitar á vítima unha independencia económica ou un recurso habitacional que lle permita pór fin á súa relación co agresor e rachar coa situación de violencia que está a sufrir, garantindo a súa seguridade".