As cinco chaves do novo estatuto do persoal sanitario, que busca limitar a temporalidade no sistema público

Con esta nova normativa o Goberno estatal pretende facer fixos máis de 67.000 profesionais. (Foto: Nós Diario)
A nova lei entra en vigor esta quinta feira, 7 de xullo, mais só se aplicará ao persoal contratado após esta data, polo que non afectará as e os profesionais que xa están na actualidade traballando.
  1. Límites á contratación de persoal interino
  2. Estabilización de prazas antes do remate do ano
  3. Dúas categorías para a temporalidade
  4. Medidas de control da temporalidade
  5. Só para novas contratacións

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica esta cuarta feira o novo Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, aprobado na terza no Consello de Ministros e que entrará en vigor esta quinta feira, 7 de xullo.

O obxectivo do Executivo de Pedro Sánchez é situar a taxa de temporalidade estrutural por baixo de 8% no conxunto das administracións públicas. Debido aos cambios que se expoñen, o Goberno estatal outorgou aos Executivos territoriais un prazo adicional de catro meses para "realizar as mudanzas oportunas nos sistemas de información de recursos humanos".

Límites á contratación de persoal interino

A lei estabelece que, transcorridos tres anos desde o nomeamento dunha ou dun sanitario interino, esta vacante "só poderá ser ocupada por persoal fixo". Aliás, tenta fixar límites á contratación de interinos, restrinxíndoa só a "razóns expresamente xustificadas de necesidade e urxencia".

Estabilización de prazas antes do remate do ano

O texto decreta que antes do 31 de decembro deste ano deberán publicarse todas as convocatorias para estabilizar máis de 67.000 prazas en todo o Estado español, a fin de posibilitar que as e os profesionais sanitarios temporais poidan ocupalas.

Dúas categorías para a temporalidade

A Lei elimina a figura de profesionais eventuais e créanse "dous grandes grupos" de temporais: o persoal interino e o substituto. Poderase contratar un interino para cubrir prazas vacantes "durante un prazo máximo de tres anos", a condición de que "non sexa posíbel" nese momento situar un empregado fixo.

Persoal interino

A normativa dispón que tamén haberá interinos para "programas de carácter temporal" non superiores a tres anos e sempre que non realicen funcións propias dos empregados fixos.

Outro suposto no que se permitirá a contratación de interinos é o "exceso ou acumulación de tarefas" por "un prazo máximo de nove meses dentro dun período de 18 meses". En todos estes supostos, unha vez cumpridos os tres anos, a lei afirma que se terá que tramitar a "creación dunha praza estrutural no persoal do centro".

Persoal substituto

No caso dos substitutos, poderanse contratar, por exemplo, durante os períodos de vacacións, permisos, dispensas e demais ausencias de carácter temporal que comporten a reserva de praza.

Igualmente, están permitidos para "a cobertura de exención de gardas, por razón de idade, ou enfermidade, podendo substituír até dúas persoas e sempre que co persoal dispoñíbel non fose posíbel cubrir esta continxencia e respectando os límites legais da xornada".

Tamén se poderá contratar un substituto ou substituta ante a redución da xornada ordinaria de funcionarios, "identificando a persoa ou persoas concretas a quen se complementa a xornada e durante todo o período correspondente e a modalidade que motiva a redución".

Medidas de control da temporalidade

A lei tamén recolle "medidas de control da temporalidade", cuxo cumprimento deberá garantir a Xunta da Galiza, xa que as competencias están transferidas. Sexa como for, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, asegurou que se vai a contar "coa máxima cogobernanza" para a súa implementación. De feito, este mesmo mes decorrerá un pleno monográfico sobre recursos humanos no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS).

Só para novas contratacións

Con todo, cómpre salientar que no texto publicado esta quinta feira no BOE disponse que "as previsións contidas neste real decreto-lei serán de aplicación unicamente a respecto do persoal estatutario temporal nomeado ou contratado con posterioridade á súa entrada en vigor".