As cinco chaves da nova Lei do aborto

Irene Montero, ministra de Igualdade (Imaxe: Alberto Ortega / Europa Press)

O Goberno español enviou ao Congreso o proxecto da nova Lei do aborto que permitirá, entre outras cuestións, que as mulleres poidan interromper o embarazo de maneira voluntaria, sen o permiso dos pais, a partir dos 16 anos e que contempla baixas laborais por menstruacións dolorosas. Eis as cinco chaves da reforma da lei.

1. Sen consentimento paterno e sen tempo de reflexión

As mulleres maiores de 16 anos poderán abortar sen o consentimento paterno e, ademais, a lei eliminará os tres días obrigatorios de reflexión, así como a entrega de información sobre axudas e recursos por se mudan de opinión e queren continuar co embarazo.

2. Abortos na rede pública

Os centros hospitalarios públicos serán a rede de referencia para as intervencións cirúrxicas, e non os hospitais privados, como até agora. Para evitar que as obxeccións de conciencia impidan ás mulleres poder interromper o embarazo nos hospitais públicos, a lei prevé a creación dun rexistro de profesionais obxectores, da mesma maneira que a Lei da eutanasia.

A ministra de Igualdade, Irene Montero, sinalou que serán as autonomías, que posúen as competencias en materia sanitaria, quen reorganicen as unidades nos hospitais para poder garantir a práctica dos abortos. “Non pode ocorrer que, polo cumprimento do dereito constitucional á obxección de conciencia se lle impida á metade da poboación, que somos as mulleres, a exercer o dereito constitucional de decidir sobre o propio corpo”, salientou.

Aínda que a lei non se refire á violencia obstétrica, recolle un conxunto de recomendacións que pretenden reducir o intervencionismo dos profesionais en todo o proceso de xestación, de maneira que se fornece máis capacidade de decisión ás mulleres, quen terán que dar o seu consentimento á hora de practicar intervencións invasivas.

3. Baixas por menstruacións dolorosas e permiso antes do parto

Unha das novidades da lei é o estabelecemento de baixas laborais de tres días en casos de regras dolorosas. Baixas que serán outorgadas polos médicos e médicas da Seguridade Social, que será quen se faga cargo do gasto e que non exixirá un mínimo cotizado ás mulleres.

Segundo anunciou a ministra en rolda de prensa, repartiranse produtos para a regra de balde en centros cívicos, escolas e cárceres, de maneira que “a regra deixe de ser un tabú”.

Ademais, créase o permiso retribuído para as mulleres embarazadas a partir da semana 36 de xestación e até o parto, así como cando un profesional médico considere que unha muller é incapaz de voltar a traballar tras un aborto.

4. Pastillas anticonceptivas subvencionadas

En base á nova lei, a Seguridade Social farase cargo da subvención das pastillas anticonceptivas de última xeración de longa duración, após eliminarse hai seis anos da carteira de produtos financiados.

5. Educación sexual e reprodutiva

A educación sexual e reprodutiva entra no currículo de todas as etapas educativas co fin de promover o coñecemento do corpo e de traballar o consentimento nas relacións socioafectivas, segundo explicou a ministra Irene Montero.