Análise

As chaves da Lei de Liberdade Sexual

Só o 8% das mulleres que sufriron violencia sexual fóra da parella denunciaron esas agresións. (Ilustración: Álex Rozados)
A politóloga experta en migracións internacionais Luca Chao analiza para 'Nós Diario' a nova Lei de Liberdade Sexual.

Despois de trinta meses de debate parlamentario, o pasado 25 de agosto o Congreso dos Deputados aprobou a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual por 205 votos a favor e 141 en contra. Unha maioría absoluta que dá luz verde á coñecida como "lei de só si é si", que pon o foco na ausencia de consentimento para determinar o que é unha agresión sexual.

Pasados seis anos da violación grupal da Manda, o eco das mobilizacións feministas resoou no Parlamento para recoller que ou é consentido, ou non é sexo, senón violación. E que nese caso nada importa a resposta das vítimas. Deste xeito, a norma aprobada inclúe unha serie de medidas dirixidas a unha maior protección dos dereitos e liberdade sexual das mulleres:

1.— Un acto sexual sen consentimento será agresión sexual. En primeiro lugar, e na liña do que esixía o Convenio De Istambul, a lei remata coa distinción que contemplaba o Código Penal entre abuso e agresión sinalando que será a vontade a que marque o que é do que non é constitutivo de delito. Acábase con cuestións como a resistencia interposta polas mulleres, a súa resposta, e polo tanto preguntas repetidas ata a saciedade nos tribunais acerca de ata que punto se resistiran ou desfrutaran mentres estaban sendo violadas. Nesta liña, a lei define o consentimento como unha expresión explícita, é dicir, o silencio non é un si. E as mulleres libéranse da responsabilidade que, ata o de agora, implicaba ter que opoñerse ao acto sexual.

2.— Incorpóranse novos agravantes que aumentarán a duración das penas. O feito de que o agresor sexa parella, ex parella ou familiar da vítima, así como se usa fármacos para anular a vontade da vítima, exerza violencia de extrema gravidade ou actos especialmente vexatorios serán considerados agravantes e, polo tanto, especialmente castigados. Así, o delito de agresión sexual implicará penas de un a catro anos de cárcere, e de dous a oito se concorren agravantes. No caso de agresións sexuais con penetración, as penas irán dos catro aos doce anos, e dos sete aos quince se hai agravantes.

3.— Creación dunha rede de centros de atención ás vítimas aberta 24 horas. O obxectivo é que polo menos exista un en cada provincia, que ofrezan atención integral, tanto presencial como telefónica, e que 50 estean abertos para o 2023. Para iso, o Ministerio de Igualdade xa destinou 66 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación.

4.— O recoñecemento de vítima non dependerá unicamente da denuncia xudicial. Trátase dunha equiparación do status recoñecido ás vítimas de violencia machista que cun informe de servizos sociais, sanitarios ou centros especializados poden acceder aos recursos dispoñibles. Así mesmo, créase para elas unha axuda económica equivalente a seis meses de subsidio por desemprego en caso de que gañen menos do salario mínimo.

5.— Recolle o concepto de feminicidio a efectos estatísticos e de reparación. Se ata o momento as estatísticas de asasinatos machistas só incorporaban a aquelas que eran asasinadas no núcleo familiar, deixando fóra toda unha larga lista de vítimas que o foron polo feito de seren mulleres, a norma aprobada terá en conta os "homicidios de mulleres e nenas vinculados a condutas definidas como violencias sexuais: agresión sexual, mutilación xenital feminina, matrimonio forzoso ou trata con fins de explotación sexual".

6.— Incorpora a prevención. O sistema educativo terá que incluír contidos específicos de educación sexual adaptados á idade do alumnado, así como protocolos de detección de violencia sexual. Ao tempo, contidos de educación sexual incluiranse na formación vinculada coa saúde e o ensino.

A aplicación xurídica do principio do consentimento explícito non será doada, menos aínda nunha xudicatura maioritariamente conservadora, mais estamos máis preto de rematar para sempre con preguntas machistas nos tribunais, que unicamente revitimizan ás mulleres, e poñen en dúbida os seus testemuños. Pero sobre todo esta lei debera servir para aumentar a confianza das mulleres na xustiza, a confianza en que as institucións do Estado tamén nos protexen.

De acordo coa Macroenquisa da violencia contra a muller de 2019, só o 8% das mulleres que sufriron violencia sexual fóra da parella denunciaron esas agresións. Preguntadas polos motivos da non denuncia, o motivo máis citado era ser menor (35,4% dos casos), seguido por non darlle importancia ao acontecido (30,5%), a vergoña (25,9%), ter acontecido en tempos nos que "non se falaba desas cousas" (22,1%) e o medo a non ser cridas (20,8%).