A “chave galega” para mitigar o quecemento global blíndase na rúa

Unha xornada de deseucaliptización (Verdegaia)
A emerxencia climática, pero tamén de crecente concienciación sobre os seus efectos, dá contexto á convocatoria que unha vintena de organizacións prepara para este domingo en Compostela en defensa dos hábitats forestais galegos fronte a unhas políticas que fomentan a eucaliptización dos montes. Eis un estrato da peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza.

Unha aposta de futuro, o dos montes galegos, cólase esta fin de semana no calendario de mobilizacións desencadeado pola emerxencia climática a nivel global. Será o domingo, ás 12 horas, na Alameda compostelá. Tales son as coordenadas definidas pola plataforma Por un monte galego con futuro, que quere levar á rúa o traballo que as organizacións integrantes levan anos desenvolvendo para a defensa do bosque autóctono e do medio rural, baixo parámetros de sustentabilidade social, económica e ambiental, coa premisa de que, nun contexto de mudanza climática como o actual, o papel dos ecosistemas forestais será “chave” para mitigar os efectos do quecemento global.

Coa ambición de virar as políticas forestais da Xunta, o punto de partida deste movemento, conformado por unha vintena de entidades ecoloxistas, sindicais, agrarias e vinculadas ao monte, fíxase na paralización da revisión do Plan Forestal da Galiza que se está a tramitar, e que promove a ocupación de 35.000 novas hectáreas máis  de eucalipto “sobre un exceso de 300.000 respecto á anterior planificación” e que avanza, advirten as convocantes, de costas ás achegas formuladas por todas as entidades sociais e sectoriais. Segundo fan notar, o uso principal do eucalipto cortado no país  “é o da súa transformación en pasta de papel na fábrica de Lourizán (Pontevedra), un proceso industrial que provoca que todo o CO2 previamente absorbido polas árbores sexa devolto incrementado á atmosfera, dando como resultado un efecto potenciador do proceso da mudanza climática”.

As medidas

O manifesto lanzado en xullo pola plataforma formula 36 medidas concretas, estruturadas en cinco liñas de acción, a comezar, precisamente, pola redución das masas forestais de especies como o eucalipto, entendendo que “unha plantación forestal non pode ser considerada un bosque, e menos se se trata de especies invasoras e de crecemento rápido que empobrecen o solo e diminúen a biodiversidade”. A diversificación dos aproveitamentos forestais e promoción do peche do ciclo produtivo da madeira na Galiza, a recuperación e fomento da biodiversidade, a prevención dos incendios e a vindicación, en canto á estrutura da titularidade e xestión do monte, dunha tenza “máis xusta”, cunha aposta no modelo do monte veciñal en man común, guían o resto das propostas.

Con elas perfílase unha resposta á situación que xa se advertía na Iniciativa Lexislativa Popular trasladada en 2018 ao Parlamento galego, que avisaba da falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, que “fai que o destino de moitos montes e terras agrarias remate sendo o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo as frondosas autóctonas, e finalmente o lume”. Presentada co aval de máis de 42.000 sinaturas, foi rexeitada cos votos en contra do PP e a abstención do PSOE.

“O monte non é só madeira de eucalipto ou de piñeiro: é madeira de calidade, é produtos de alimentación –froitos, castañas, cogomelos, mel–, é biodiversidade, é auga, porque axuda a equilibrar os recursos hidrolóxicos, e é tamén fertilidade do solo, polo que aquilo que fagamos nel repercute na súa erosión”, observa a secretaria executiva de Adega, Belén Rodríguez, quen recalca a necesidade de mudar o modelo forestal galego".

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]