UNHA ESCOLMA DO PAPEL

O chapapote afoga a xustiza

Imaxe dos tres acusados, na esquerda, e, na direita, cadea humana nas praias galegas organizada pola plataforma Nunca Máis, en 2002.

Ninguén pagará. A sentenza do Prestige exime de responsabilidade o Estado e só condena por “desobediencia” o capitán do buque, Apostolos Mangouras, nunha decisión moi discutida que tampouco esixe indemnizacións pola catástrofe e que seguramente será recorrida por Nunca Máis.

Ao Prestige aínda lle quedaba unha última marea negra. Neste caso a función do chapapote desenvolveuna a tinta negra utilizada para escribir a sentenza coa que, logo dunha década de instrución e un ano de xuízo, a Audiencia Provincial da Coruña decidiu enviar a Xustiza ao quinto pino. Non hai culpábeis. Tampouco indemnizacións. Os tres acusados foron absolvidos, entre eles o único pertencente á administración -do PP no momento dos feitos e agora- que asumiu o mando após o naufraxio do petroleiro e tomou unha serie de decisións que provocaron unha inédita mobilización popular en Galiza na súa contra. Seica todo aquilo foi un espellismo porque ninguén asumirá responsabilidades. Como se non pasase nada. Outra vez.

Eis a impunidade dos poderosos. Un malestar moi estendido nestes tempos de crise que a sentenza do Prestige volve poñer enriba da mesa. Ante unha perplexidade inicial que axiña deu paso á indignación, a rúbrica xudicial que xa chegaba moi tarde e eivada pola ausencia de máis responsábeis políticos materializouse nunha longa e áspera travesía a ningures. O presidente do Tribunal, Juan Luis Pía, gastou unha hora e cuarto en ler a sentenza. Había tres acusados: o ex-director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors; o capitán do buque, Apostolos Mangouras; e o xefe de maquinas, Nikolaos Argyropoulos. Todos eles foron absolvidos de “delitos contra o medio ambiente”. O único culpábel de algo en todo aquela catástrofe, segundo a Sala, foi Mangouras, condenado a nove meses de cadea por “desobediencia grave á autoridade” por negarse a mover o barco. Non ingre- sará en prisión.

Cero euros de indemnización

Só desde o PP e inmediacións se celebrou a sentenza. A plataforma Nunca Máis estudará a posibilidade de recorrer ante o Supremo. E tamén de convocar mobilizacións contra a impunidade dunha decisión xudicial que consideran “política”. E que mesmo deixa en nada as millonarias indemnizacións reclamadas. Non hai responsabilidades de ningún tipo alén da negativa do capitán ás ordes gobernamentais. Até a aseguradora poderá recuperar os máis de 22 millóns de euros que depositou ante a Xustiza como fianza. As perdas millonarias que provocou a catástrofe natural non terán compensación de ninguén. Tampouco.

Só desde o PP e inmediacións se celebrou a sentenza

As conclusións do Tribunal foron precedidas dun longo relatorio de ton negativo, ás veces resignado, contraditorio, que basculaba nunha especie de nin arre nin xo, no que xurdían algunhas críticas aos implicados que pouco despois remataban no baleiro. Ou na defensa das decisións tomadas polo Goberno, que moitas veces chegaban logo dunha afirmación que suxería todo o contrario, nunha cerimonia tan agardada como confusa.

Apoio ao afastamento do barco

O máis rechamante foi o apoio implícito dos xuíces ao nó central do ocorrido, a decisión de afastar o barco, aínda que para chegar a el o relatorio de feitos tamén dá unhas cantas voltas. Segundo a sentenza, “é unha obviedade que, desde un punto de vista lóxico, esa decisión [o afastamento do Prestige das costas galegas] deu lugar a unha inusitada extensión das zonas afectadas polas verteduras e que se se tivese refuxiado o buque en calquera porto ou ría galega próxima se reduciría extraordinariamente a extensión da zona afectada, de xeito que a primeira vista, loxicamente debeu optarse por ese refuxio, sen dúbida ningunha; pero se se examinan de cerca esas cuestións o argumento non resiste outras precisións polo menos tan lóxicas como as expostas. (...) Case todos os expertos coinciden en que a decisión inicial de afastamento foi correcta, pero unha vez firme o remolque do petroleiro e sen risco inminente de choque coa costa, o lóxico, o prudente e o tecnicamente correcto era refuxiar o buque nun porto ou ría para transvasar a súa carga, ou ben levalo a augas tranquilas en mar aberto para proceder do mesmo modo. (...) Así que as alegacións de que o Prestige tivo un rumbo errático e que non se sabía exactamente o que facer co barco parecen pouco fiables, porque todo demostra que o afastamento trataba de evitar que a vertedura afectase masiva e gravemente as nosas costas e ademais esperábase que o afundimento rematase coa vertedura, senónn por conxelación do fuel -que non se produciría nin se produciu [neste punto cualifican de “frivolidade” algunhas informacións do Goberno, posíbel referencia aos hilillos de Rajoy]- polo menos limitando a cantidade e intensidade da vertedura e posibilitando a recuperación do fuel dos restos do buque, como así ocorreu (...) O afastamento queda así explicado e en parte xustificado (...) As autoridades españolas contaban ademais con asesoramento técnico correcto e máis que suficiente, aínda que, como todo asesoramento desa índole, suxeito a erro. Nunca se dixo até agora cal sería a decisión correcta a adoptar nin os protocolos a seguir (...) nin aínda agora foi capaz ninguén de sinalar o que se debería de facer, á parte dalgunhas opinións particulares máis ou menos técnicas. (...) Simplemente, ante unha situación de emerxencia, tras o asesoramento técnico máis rigoroso e capaz, tomouse unha decisión discutíbel mais parcialmente eficaz, enteiramente lóxica e claramente prudente”, sentencia a Audiencia Provincial sobre o polémico rumbo que tomou o petroleiro.

Non deixa de resultar chocante que na sentenza se fale da falta de protocolos pero non se condene o Estado por esa eiva, ou que se cite con certo desprezo as moitas voces autorizadas que ofreceron con argu- mentos técnicos razóns en contra do afastamento do Prestige. Tamén desde Nunca Máis afirman que no xuízo quedou probado que a decisión se tomou unha hora despois do naufraxio, polo que sería imposíbel que os responsábeis políticos solicitasen e obtivesen o asesoramento preciso. De feito, antes das conclusións a propia sentenza asegura que o que era delegado do Goberno, Arsenio Fernández de Mesa, “desempeñou unha tarefa de coordinación difusa e confusa, tanto na constitución dun organismo que rexese as operacións como na facilitación de estruturas burocráticas e de atención a persoas que puidesen informar ás autoridades e auxiliar o buque, evitar unha vertedura de fuel óleo catastrófico e procurar que se recuperase o barco, malia as súas graves avarías”.

Hai aparentes contradicións na sentenza e tamén abandonos. Ocorre coas razóns que provocaron o naufraxio. Segundo os maxistrados, “ninguén coñece con exactitude cal puido ser a causa do ocorrido, nin cal debería ter sido a resposta apropiada á situación de emerxencia creada pola grave avaría do Prestige, pero ninguén pode negar o fallo estrutural nin puido demostrar no xuízo onde se produciu exactamente nin por que razón”. En definitiva, once anos para acabar nun non sabe, non condena.

Expectación mundial e uso do galego

O vello Pazo da Xustiza da Coruña acolleu o capítulo final -malia que todo apunta a que haberá unha continuación no Supremo- dun proceso que dadas as súas dimensións tivo que realizarse no Recinto Feiral da cidade. No día no que se cumprían once anos exactos da catástrofe, unha sala acolleu o remate do xuízo, ao que asistiron representantes das partes e tamén alumn@s de Dereito, sen presenza de ningún dos acusados. Noutra, e por un deses plasmas tan simbólicos destes tempos, miraba os acontecementos a prensa, galega, española e tamén portuguesa e inglesa. Expectación mundial para a lectura dunha sentenza que se fixo integramente en galego, o mesmo idioma que usou o medio cento de persoas que detrás dunha pancarta de Nunca Máis contra a impunidade recibiron con berros en contra a decisión.

 

 


 

 

Un desastre de 500 millóns de euros públicos

 

 

Os enormes gastos que provocou o naufraxio e a súa xestión non serán compensados

 

Non hai culpábeis. Nin os acusados, nin os gobernos que xestionaron o suceso nin as empresas do escuro entramado empresarial que hai detrás do petróleo e dos barcos que, como o Prestige, o trasladan. Houbo unha mención crítica no relatorio da sentenza, máis nada. Porque non haberá indemnizacións ao non se decretar unha responsabilidade civil. Porén, as cifras do que agora parece que vai quedar impune resultan impresionantes. Segundo @s maxistrad@s, o Prestige xerou 170.000 toneladas de residuos. Tamén “resultaron afectados pola chegada de verteduras 2.980 quilómetros do litoral costeiro, 1.137 praias contaminadas, 450.000 metros cadrados de superficie rochosa impregnada de chapapote, 526,3 toneladas de fuel nos fondos da plataforma continental e unha mortalidade estimada de 115.000 a 230.000 aves mariñas”. No apartado económico que respecta aos cartos públicos, a Audiencia Provincial cifra en 513 millóns de euros os gastos ocasionados pola catástrofe, uns 368 por parte do Goberno central e 145 á Xunta. A eles hai que sumarlle os 67 millóns que gastou Francia. Porén, non haberá compensacións. Diñeiro perdido. Nin rastro dos miles de millóns que pedía a Fiscalía. Nada. Mesmo a aseguradora pode chegar a recuperar os 22 que puxo como fianza.

 

 

Esta reportaxe apareceu no Sermos73, publicado a 14 de novembro de 2013.