O Concello de Chantada valora pedir a declaración de 'zona catastrófica'

Un home realiza labores de limpeza no Bar Caribe de Chantada, anegado tras a suba das augas do río Asma. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O rexedor, Manuel Varela, avanza que será "difícil" conseguila.

O temporal que deu comezou ao ano causou graves incidencias por todo o país. O Concello de Chantada, un dos máis afectados, estuda pedir a declaración de 'zona catastrófica' ante os "importantes danos" causados polas intensas choivas caídas durante a fin de semana da pasada Noitevella nesta localidade.

O consistorio analizará esta posibilidade, aínda que avanza que é "difícil". O alcalde, Manuel Varela, apuntou esta terza feira que "os danos non son só os que ven na prensa, na zona da Alameda, coa inundación que afectou a moitos coches", senón que tamén houbo danos "cuantiosos" na parroquia da Sariña e no lugar de Pincelo.

"En Pincelo a riada levou un tanque de subministración de auga, abriu unha gabia onde agora vese unha fervenza de auga, tirou parte dunha casa e a estrada quedou inutilizada", precisou o rexedor.

Aliás, Varela puxo o acento en "pequenos danos" que se estenden por todo o municipio. "Hoxe imos ir o encargado de obras e eu para facer un percorrido por todas estas incidencias", avanzou.

Á vista do acontecido en Chantada, o alcalde ten claro que o consistorio necesita "todo o mes de xaneiro para liquidar estas cousas" e arranxar todos os danos ocasionados.

Tal e como informou esta segunda feira Nós Diario, as incesantes precipitacións das últimas xornadas, combinadas co debordamento do río Asma, que atravesa o municipio, provocaron graves inundacións e fortes danos materiais por toda a vila.

Mais non foi este o único concello afectado polo temporal que deu a benvida a 2023, pois tamén en Portomarín e Mondariz-Balneario a forza da auga derivou en numerosas incidencias, así como na cidade lusa de Valença, cuxa muralla sufriu un derrubamento.