Varios centos de persoas saen á rúa en Pontevedra para exixir a abolición das touradas

A manifestación rematou na praza da Peregrina (Imaxe: Erguer)

Varios centos de persoas saíron á rúa na tarde do sábado, polo centro de Pontevedra, convocadas pola plataforma Touradas Fóra de Pontevedra, para pedir a abolición das corridas de touros, que cada verán decorren na cidade.

Coincidindo coa primeira xornada de touradas en Pontevedra, varios centos de persoas manifestáronse no centro da cidade para pediren a “abolición”. Lembraron que tras os máis de 10 anos que Touradas Fóra de Pontevedra leva mobilizándose contra as corridas de touros, “aumentaron a concienciación, o traballo e a participación” nestas protestas.

“O noso obxectivo non é convocar manifestacións exitosas, o noso obxectivo é a abolición das touradas. Un obxetivo que estamos certas de que cada día está máis próximo mais para o que temos que seguir a loitar con firmeza, por iso, animámosvos a tomar partido e facer parte activa desta loita”, apelou a plataforma no manifesto lido pola escritora Tareixa Alonso.

Fixeron balance da última década de mobilizacións que deron como froito a redución dos días en que decorre a feira taurina, que institucións se declarasen abertamente antitouradas, que se retirase a publicidade taurina do programa de festas das Peregrinas ou que a Deputación de Pontevedra retirase as subvencións ás touradas.

A “vitoria” está “máis próxima” porque “a conciencia da xente ante un caso tan flagrante de crueldade contra os animais non fai máis que aumentar”, sinalou o colectivo, que lembrou que tras dous anos sen poder ter lugar a única feira taurina existente na Galiza “nada mudou en Pontevedra, a vida segue, as actividades culturais non decaen, o mundo laboral é alleo á existencia desta feira e isto é a mostra de que Pontevedra non precisa das touradas, un espectáculo bárbaro que dana a imaxe da nosa cidade”.

Pontevedra, salientaron as persoas promotoras da manifestación, “é unha vila coñecida internacionalmente por diversos factores, todos eles positivos, mais as touradas danan seriamente a imaxe da cidade”.

Puxeron de manifesto a perda de afluencia á feira taurina, “cada vez máis decadente”. “A causa é clara: o negocio non rende porque o interese decae. Decae a pesar de que a de Pontevedra é, infelizmente, a única feira taurina organizada de maneira regular que ten lugar no noso país logo da fin das touradas na Coruña. Nin así conseguen encher a praza de San Roque, nin así conseguen rendibilizar o seu negocio, por iso teñen que reducilas”.

A plataforma pediu eliminar “calquera tipo de axuda pública ás touradas”, un negocio “cruel” co que “non se pode convivir”. Situou o final do camiño no Parlamento galego, coa “abolición das touradas na Galiza”.

“Todas e todos  nós debemos presionar os partidos políticos que alí teñen representación para que se posicionen con rotundidade en favor da abolición da tauromaquia e para que actúen en consecuencia modificando a fraudulenta Lei de Benestar Animal actual, que segue a facer das touradas unha excepción á hora de combater o maltrato animal”, apelaron.

“Se o Partido Popular -responsábel de que as touradas sigan sendo legais- teima en defender a barbarie, terá que ser desaloxado da Xunta para que se cumpra a vontade maioritaria”, concluíu o manifesto.

Galiza Nova, na manifestación

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, como integrante da plataforma, participou da manifestación. A súa secretaria xeral, Marta Gómez, afirmou que “volvemos saír ás rúas para denunciar a presenza das touradas na nosa cidade. Unha práctica que nin é festa, nin é tradición: é unha mostra máis da colonización española do noso país, que ademais atenta do xeito máis cruel contra os dereitos dos animais”.