Chaman o profesorado a realizar concentracións diarias nos centros

STEG, CIG, CCOO e CSIF chaman o persoal educativo a "asumir o protagonismo" contra o protocolo da Xunta de volta ás aulas (Imaxe: Arxina)
Chaman o profesorado a realizar concentracións diarias nos centros 

As protestas do profesorado contra a planificación do Goberno galego para o inicio do curso chegarán esta semana ás portas do Parlamento, coincidindo co segunda xornada da sesión de investidura de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta. Avanzárono esta segunda feira, 31 de agosto, en rolda de prensa representantes de CIG, CCOO, STEG e CSIF, os catro sindicatos do ensino que promoven as mobilizacións en favor dunha volta ás aulas "presencial e con seguridade" e contra un protocolo "temerario e irresponsábel", que teñen xa fixadas dúas convocatorias de folga, o 10 e o 16 de setembro, nas xornadas de reapertura do curso académico nas etapas de Infantil e Primaria e, unha semana máis tarde, de Secundaria, Bacharelato e FP.

Como primeira parada, as catro organizacións sindicais chaman o persoal docente e o conxunto da comunidade escolar a secundar a protesta no Hórreo, esta quinta feira ás 18 horas. Alí está previsto repartir entre os grupos parlamentares o manifesto que fixeron público, baixo o epígrafe Escola Contra Covid, co que argumentar o rexeitamento ao plan da Xunta, que xa foi obxecto de mobilización social o pasado mes de xullo, sen que os cambios introducidos desde entón, após a conferencia interterritorial educativa e sanitaria da semana pasada, resulten, aos seus ollos, suficientes.

"Normalidade"

O que reclama a representación do profesorado é un novo protocolo, negociado co persoal, os centros e as familias, que responda ás principais demandas destes colectivos, como son a redución de alumnado por aula e o aumento dos cadros de persoal, para rebaixar a ratio a 15 ou, como máximo, 20 estudantes por unidade. 

Segundo resumiu Suso Bermello, secretario nacional de CIG Ensino, o curso "non pode empezar con normalidade" coas actuais prescricións da Consellaría de Educación, á que se lle exixe que garanta unha distancia interpersoal na aula "igual ou superior a 1,5 metros en todas as direccións", como pauta o acordo co Ministerio de Educación. Nese sentido, o reforzo de persoal resulta, para as forzas convocantes, "necesario para a correcta e segura atención".

"Non podemos pasar dun curso marcado polo confinamento físico a outro lastrado polo confinamento pedagóxico", salienta tamén o manifesto, para demandar que as normas de prevención sanitaria respondan a un modelo educativo "aberto e participativo, fóra de rixideces e condicións que desnaturalizan e fan perder todo o sentido a décadas de innovación pedagóxica". No texto tamén se demandan medidas para garantir a atención á diversidade.

Os sindicatos apuntan ademais á necesidade de dotar os centros con persoal sanitario de referencia e de reforzar os equipos de limpeza e urxen unha avaliación de riscos sanitarios adaptada a cada centro, realizada polo servizo de prevención e non, como fixa o protocolo, por docentes.

Para reivindicar medidas para unha docencia presencial segura, os catro sindicatos chaman o profesorado a realizar unha concentración diaria en todos os centros coa que amosar o rexeitamento á política da Xunta de volta ás aulas a "custo cero".

A Xunta estende o inicio de curso a varias xornadas

A Consellaría de Educación anunciou na tarde desta segunda feira, 31 de agosto, un cambio no inicio do curso este ano. O calendario mantén o arranque o 10 de setembro mais a incorporación do alumnado será  graduada, por niveis, en varios días.

Desta maneira, o mesmo 10 de setembro volverá aos centros o alumnado de 4º e 5º de Infantil e 1º, 2º e 3º de Primaria e Educación Especial, mentres que ao día seguinte será a quenda de 6º de Infantil e de 4º, 5º e 6º de Primaria.

O 16 de setembro, pola súa banda, darán comezo as clases de 1º e 2º de Secundaria, 1º de Bacharelato e 1º de FP Medio e Superior. Ao día seguinte empezará 3º de ESO, 2º de Bacharelato e   de FP. O día 18 entrará 4º de ESO y FP Básica.

A Xunta tamén avanzou que o alumnado deberá levar unha máscara de reposto con funda na que gardala. 

A máscara na aula, tamén na Universidade

A máscara pasará a ser obrigatoria dentro das aulas das facultades, e  tamén nos espazos comúns, neste inicio de curso. É unha das modificacións que se introduciron nos protocolos de adaptación á situación sanitaria, durante a Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Universitaria, na que estiveron representadas as Administracións territoriais co secretario xeral de Universidades, José Manuel Pingarrón. O ministro Manuel Castells, que debía ter presidido o encontro, estivo ausente tras someterse a pasada sexta feira a unha operación cirúrxica.

Ademais do uso da máscara, a adaptación dos plans de actuación ao contexto sanitario actual supón tamén unha intensificación dos labores de ventilación en todos os espazos dos centros, nos que se recomenda airear polo menos durante 10  ó 15 minutos ao comezo e final da xornada e, nas aulas, despois de cada clase lectiva. O documento propón tamén manter as fiestras abertas todo o tempo que sexa posíbel.

Protocolos

Outra das novidades é o estabelecemento de protocolos de actuación das universidades diante dun caso sospeitoso de Covid-19, que terán que realizar de maneira específica cada unha delas, nos que definir o itinerario do caso ou casos, tanto entre o alumnado como entre o profesorado ou o resto de persoal de administración e servizos. 

Ademais, segundo a actualización acordada, diante dun número elevado de casos que teña "afectación xeral" nun centro ou nunha universidade, a decisión para tomar será competencia dos centros xunto coas Autoridades sanitarias e educativas, é dicir, cos Gobernos territoriais.