Un madrileño denuncia ante a Policía local viguesa ao hosteleiro vigués-libanés que botou do seu restaurante un grupo de turistas que lle berraron "Viva Israel"
Un veciño de Madrid chamou á Policía Local de Vigo esta cuarta feira pola tarde explicando que vira que nas redes sociais un vídeo nun restaurante da cidade olívica no que un grupo de clientes de Israel eran botados deste local de restauración e requirindo que os feitos fosen perseguidos de oficio como delito.
Os axentes locais de Vigo elaboraron un informe para entregar á comisaría solicitando que a Policía do Estado español investigue o dono do restaurante, un cidadán libanés, por un presunto delito de odio ou racismo logo de que as imaxes fosen difundidas por redes sociais.
Con todo, o hostaleiro libanés que botou este grupo de clientes de Israel do seu restaurante destaca os malos modais cos que estas persoas se terían dirixido a el no momento no que foron atendidos, unha actitude que tería provocado o enfrontamento que acabou con gritos de 'Viva Israel' por parte dos comensais cando abandonaban a zona.
"Matan xente e veñen facer vacacións"
"Matades en Palestina. Ides comer a Gaza", dixo este home ao grupo de visitantes que estaban a piques de beberse unha cervexa na terraza deste restaurante. "Fóra de aquí!", expresou. "En Gaza hai cervexa boa", engadiu con retranca porque se dirixía a un grupo de turistas de Israel e en alusión ao xenocidio que o Estado israelí está a perpetrar contra a poboación palestina.
"Matan xente e veñen facer vacacións», engadiu o empresario. Os outros protagonistas desta escena levantáronse persistindo na súa contrariedade contra o cidadán libanés. "Viva Palestina libre", continuou o dono do local, ao tempo de forma provocativa respondían "viva Israel" as persoas que eran expulsadas do restaurante vigués. "Pago eu", afirmou explicando que el asumiría as consumicións que solicitaran e facendo ver que a súa única intención era que abandonasen a terraza do seu local.
Aínda que pediu perdón polo acontecido, o hostaleiro reafirmouse nos malos modais do grupo de clientes de Israel, criticou os seus gritos a prol do Estado que está perpetrando un xenocidio, e agradeceu as mostras de apoio por parte de veciños e veciñas que circulaban pola zona no momento no que sucederon estes feitos.
Controversia en redes sociais e nas recensións
Alén do apoio que recibiu este hostaleiro libanés por parte de veciños e veciñas logo do suceso no seu local Mimassa, a comunidade de internet tamén saíu en defensa do empresario. Con todo, a parte proisraelí acudiu a esta controversia, tanto con comentarios en redes sociais como con duras recensións nas aplicación de críticas de restaurantes.
Mentres que algunhas persoas aproveitaban para condenar que botase este grupo de Israel do seu local e proferir duras palabras contra o libanés, outras persoas non aludían a estes feitos e comezaban a escribir comentarios sobre unha suposta falta de limpeza ou mesmo sobre o incumprimento das normas de sanidade por parte deste local.
Algo difícil de crer de ter en conta que as recensións escritas antes dos feitos eran na súa maioría coa máxima nota e comentando o bo trato e a boa calidade do estabelecemento. Porén, non todas as críticas foron malas, usuarios e usuarias denunciaron tanto as malas palabras contra o empresario libanés como o intento por socavar a boa sona do restaurante a través de recensións falaces.
"A indiferenza é complicidade"
"A indiferenza é complicidade. Calar ou ollar para outro lado cando o Estado terrorista de Israel está a perpetrar un brutal xenocidio, en directo, contra o pobo da Palestina e que xa se cobrou máis de 60.000 mortes (entre elas 15.000 crianzas) é complicidade", sinalou o portavoz do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, ao fío destes acontecementos.
"Por iso, diante da enxurrada de odio dos que lexitiman, por acción e por omisión, a barbarie criminal de Israel, hai que aplaudir a coraxe de quen ergue a voz. Porque a causa da Palestina é a da humanidade toda", continuou o representante nacionalista na cidade olívica.
"O dono (de orixe libanesa) deste restaurante de Vigo expulsou do seu estabelecemento un grupo de turistas israelís tras a súa actitude provocadora e desprezativa. Un feito que motivou unha campaña de difamación, con recensións falsas, acusacións cínicas e infames de antisemitismo, e mesmo ameazas por parte dos sectores ultra", sinalou Igrexas.
"Fronte ao odio dos defensores de xenocidas, o aplauso pola dignidade de quen os denuncia. E fronte á campaña de publicidade negativa dos parceiros do sionismo, nada mellor que dar a coñecer o estabelecemento", concluíu o portavoz do BNG de Vigo incluíndo unha foto do local hostaleiro nas súa redes sociais.