Chaman a multiplicar as e os obreiros para "rematar" unhas obras en Compostela

O cruzamento de Concheiros en xullo do ano pasado, cando se licitou a obra. (Foto: Europa Press)
Un grupo de cidadás molestas polo atraso que leva a actuación de mellora de Concheiros invita a acudir esta sexta feira, ás 12 horas, á zona para facer ver ese descontento. A proposta é ir vestidas con roupa propia do persoal das obras para incrementar a chamada de atención á empresa concesionaria e á administración.

É tempo de obras en moitas cidades e municipios da Galiza e ninguén cuestiona, a priori, os investimentos e a xeración de emprego cando se tenta saír dunha crise como a da Covid-19.

Mesmo se ven en positivo as molestias sempre e cando entren dentro do que a cidadanía considera xusto a cambio de obter melloras nas infraestruturas, por exemplo.

Mais a veciñanza e as e os empresarios de Concheiros, en Compostela, están fartos de agardar a que os traballos para reformular a contorna rematen.

Hai quen considera que houbo unha mala planificación por parte da Administración pública, hai quen culpa á empresa que se encarga da actuación. Porén, o que importa máis é que os prexuízos de ter unhas obras á porta da casa ou dun negocio continúan vixentes.

A reurbanización, que estaba programada para nove meses, tiña que estar lista o pasado xullo. Mais non foi até agosto cando se adiou a conclusión ao 12 de novembro.

"Con ou sen vermú", pero con cazarolas

Pero a situación podería non mellorar dado que a cidadanía chama á mobilización para ese mesmo día no que remataba o prazo, esta sexta feira 12 de novembro. Así comprobará de primeira man se se cumpre o compromiso.

Coa desconfianza aprendida nestes meses de problemas, o grupo promoto do acto pide á veciñanza do barrio -e do resto de Compostela, se quere dar apoio por esa actuación ou porque está a padecer outra que vai polo mesmo camiño do atraso- que acuda hoxe ás 12 horas ao entorno vestida “con roupa de traballo, non vaia ser que non estean rematadas as obras”.

O que se procura é xuntar ducias ou centos de operarias e operarios con “cascos, chalecos, monos de traballo, planos ‘definitivos’ e cazarolas para facer ruído” para volver facer unha reivindicación que levan trasladando a través dos escaparates varios meses. Se se vai “con ou sen vermú”, xa é asunto de cadaquén.