Chamada á folga do 14N no ensino público para exixir ''máis orzamento e un cambio nas políticas'' do PP

[Imaxe: SG]
A Plataforma galega en defensa do ensino público recorda a caída de 425 millóns nas partidas fronte aos 250 millóns que cada ano van parar a centros privados, tamén naqueles que segregan o alumnado por razóns de xénero. Na última lexislatura destruíronse até 2.500 postos de traballo. Porén, aumentaron as ratios, subiron as taxas e endurecéronse os criterios para gozar dunha bolsa de estudos


A folga xeral do 14N segue a sumar apoios. A Plataforma galega en defensa do ensino público vén de facer un chamamento ao conxunto da comunidade educativa para que se revolvan en contra "dos constantes recortes que se veñen aplicando coa escusa da crise", facendo fincapé no desvío de 250 millóns de euros cada ano ao ensino privado que leva a marca do PP, invertindo mesmo en centros que segregan o alumnado por razóns de xénero.

Coa redución de 425 millóns no orzamento do ensino público como pano de fondo, o "ataque permanente" que denuncia este colectivo traduciuse tamén na supresión de centros e unidades de educación infantil e primaria, cebándose especialmente co rural e con programas que fomentaban a equidade de xénero, nomeadamente Preescolar na casa, programa que funcionaría con normalidade durante tres anos se se derivasen a el os cartos que cada ano van parar a cinco centros privados relixiosos que separan por sexos.

Por suposto, os recortes trouxeron tamén consecuencias para o emprego. Denuncia a Plataforma --da cal fan parte CIG-Ensino, ASPG, Liga estudantil, Galiza Nova, Comités e asociacións de nais e pais-- que se destruíron até 2.500 postos de traballo en centros públicos, afectando á atención de necesidades educativas específicas e mermando a calidade da educación que se fomenta ao incrementar o número de estudantes por aula ao tempo que se rebaixaba o número de docentes.

Por derradeiro, considera a Plataforma que as baixas do profesorado que non se cobren durante os dez primeiros días, a redución da oferta de bacharelato e da implantación da FP, o recorte "desproporcionado" nas bolsas de estudos e "o endurecemento" dos criterios de acceso a estas, xunto coa suba das taxas universitarias son razóns "máis que suficientes" para apoiar a folga xeral e reclamar un cambio de políticas "que necesariamente ten que pasar polo incremento dos orzamentos" destinados a este servizo público esencial.