A CGT denuncia falta de conexións por tren na Galiza

Entorno da estación de tren de Compostela, coas obras derivadas da creación da intermodal. (Foto: Nós Diario)
A central sindical enviou un escrito a Renfe exixindo a reposición dalgunhas frecuencias que foron eliminadas aproveitando a corentena. Fontes da organización denuncian que, en días como o de onte por exemplo, parte da comunidade universitaria galega queda en terra por falta de asentos.

O sindicato CGT denunciou esta segunda feira que a “falta de trens” na Galiza está significando un impedimento “para viaxar a decenas de usuarios”.

A central sindical destaca, a través dun comunicado, que este domingo, por exemplo, “circularon completos os trens de Media Distancia 09182, 09183, 12544 Vigo-Compostela”, con saídas desde o sur do país ás 18.15, 19.25 e 20.30 horas, “e 09183 procedente da Coruña”, das 18 horas.

Esta situación, sen asentos en gran parte das viaxes que mantén Renfe (que aproveitou para facer recortes nas frecuencias co confinamento e non volveu pór en marcha todas as conexións), “impide” a mobilidade para moitas persoas usuarias.

Segundo fontes de CGT a venta masiva de billetes para os trens do domingo impediu “que decenas de viaxeiros que ían destino á universidade maioritariamente desde Vigo, Pontevedra e Vilagarcía non puidesen empregar o tren”.

Esta situación “evidencia a necesidade de pór en circulación maior número de trens con destino e orixe Santiago de Compostela”.

A organización rexeitou algúns dos argumentos de Renfe, que fala de “falta de viaxeiros nas liñas do rural e da adecuación das circulacións á demanda esquecendo a súa responsabilidade de servizo público de transporte de viaxeiros”.

O sector ferroviario do sindicato xa enviou un escrito á dirección de Renfe e ás persoas responsábeis na Galiza. Estas non son as primeiras queixas que se dan entre as e os usuarios polos problemas que está a ocasionar a redución do número de trens.