Médicos exixen a dimisión de García Comesaña ante a "nefasta xestión" da Consellaría de Sanidade "desde hai anos"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha recente intervención no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
Ao mesmo tempo, a CIG denuncia un novo colapso no Chuac e a CSIF alerta da falta de médicos no PAC de Vilalba.

O sindicato médico CESM vén de solicitar a través dunha carta remitida ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o relevo do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e mais do seu equipo directivo, a quen considera "responsábeis" de levar a sanidade pública galega "ao extremo", unha situación que, para a organización, require da apertura dunha negociación urxente.

Así, segundo recolle nun comunicado emitido esta terza feira, CESM incide en que a sanidade pública "afunde" e a atención primaria está "devastada" por culpa da "falta de previsión absoluta" levada a cabo desde a dirección da Consellaría de Sanidade "desde hai anos". Remarca que a "nefasta xestión" dos responsábeis do Goberno galego "privou o sistema dos recursos humanos necesarios para manter a calidade asistencial", polo que reclama "medidas drásticas" para "reconducir" a situación "antes de que sexa imposíbel".

Neste senso, a organización de facultativos reivindicou que esta situación "crítica" é aínda "reversíbel", sempre que a Xunta abandone "a arrogancia e a prepotencia coa que algúns responsábeis tratan os profesionais", e sempre tamén que se implique "de forma rigorosa e comprometida" co sistema sanitario a través dos recursos humanos e económicos "necesarios".

Así as cousas, CESM sinala entre as súas peticións a diminución das axendas limitadas "á demanda ordinaria" e que "se regulen" as urxencias 24 horas, así como atallar o "tremendo" déficit de persoal coa cobertura de "todas" as vacantes a través de ofertas públicas de emprego, convocatorias de trasladados e dotación de equipos "completos e estábeis" de médico e enfermaría "para dar continuidade os pacientes".

Tamén urxen melloras na coordinación entre atención primaria e hospitalaria, que se suprima o traballo burocrático nos centros de saúde ou que se adecúen as cotas coa fixación de mínimos e máximos atendendo ademais cuestións sociais para "optimizar" a atención.

Todas estas exixencias, sumadas á reclamación de que se equipare o salario de atención primaria a especializada, son as peticións que CESM insta a considerar a Alfonso Rueda para sentar a negociar. "Pola contra, a situación poderían desembocar nun conflito que paralizaría a sanidade a curto prazo", advertiu o sindicato médico.

Máis un colapso no Chuac

Pola súa parte, a CIG volveu denunciar esta terza feira unha situación de "colapso" no servizo de urxencias do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) con "máis de 60 enfermos que á primeira hora da mañá atopábanse pendentes de cama neste servizo". A xerencia, pola súa parte, sitúa esta cifra en 51 pacientes e fala de "moi alta" demanda.

No resto do hospital, sostén a CIG, a situación é "deplorábel", coas plantas de hospitalización deseñadas para atender dous enfermos por habitación convertidas en "cuartos triplos" con pacientes e familiares nun espazo "reducido". A iso, suma a "falta de recursos".

"Debido a unha falta de previsión por parte da Administración, que alén de non pór reforzos nas categorías nas que hai dispoñíbeis para a súa contratación, non emprega os recursos que posúe en tempo idóneo", argumenta. Isto, engade a central sindical, supón que os profesionais de todas as categorías do hospital estean "desbordados polo incremento de traballo, sendo os reforzos na maioría dos casos inexistentes".

O PAC de Vilalba, sen médico

E de forma paralela, a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) na Galiza denunciou a "desatención" que sufriron os pacientes do PAC de Vilalba o pasado sábado, durante a quenda da tarde, ao quedar sen médico dado que o único facultativo que estaba a traballar viuse obrigado a saír por unha urxencia domiciliaria.

O sindicato lembrou que o PAC, que dá cobertura a cinco municipios, debe ter dous facultativos en persoal. Con todo, apunta que o pasado sábado quedou ao cargo un só médico para atender a quenda da tarde. Unha situación que provocou —sostén nun comunicado— "a desatención" dos usuarios durante o desprazamento de urxencia do médico a un domicilio.

Aliás, a central sindical cualificou de "irresponsábel" que se produzan este tipo de casos e incidiu en que os directivos de garda do Servizo Galego de Saúde (Sergas) "coñecían" a incidencia e "non adoptaron medidas de reforzo" do persoal para solucionala.