'FRONTMAN' DO GRUPO DEF CON DOS

César Strawberry: ‘’O Gran Irmao tirou a careta’’

O cantante de Def Con Dos é unha das 19 persoas detidas na operación policial contra o ‘’enaltecemento do terrorismo’’ nas redes sociais que decorreu en diveras partes do Estado. “En todo momento considerei que esta actividade atopábase amparada pola liberdde de expresión, mais é obvio que era unha ilusión", sostén nun comunicado. Pode ser condenado até a 2 anos de prisión.

 

César Strawberry é o ‘frontman’ de Def Con Dos, grupo de axitación musical que naceu a finais dos 80 entre Vigo e Madrid cunha aposta en misturar rap e rock duro. Esta terza feira foi detido xunto con outras 18 persoas no marco da operación ‘Araña III’ contra o ‘enaltecemento do terrorismo’. “Estiven catro horas detido, fun fichado pola Garda Civil. Podo ser xulgado pola Audiencia Nacional e condenado até a 2 anos de prisión” explica Strawberry nun comunicado pendurado no facebook do grupo do que é cantante.

“Levo 25 anos a exercer unha labor artística independente (...) Sempre loitei pola liberdade de pensamento, enfrontándome así a un sistema que pretende que todo sexa analizado desde o pensamento único”. O cantante de Def con Dos considera que “un estado que se entenda democrático debería aceptar a crítica socio-política, por aceda e incómoda que esta sexa”. Comprende, di, que os seus chíos nas redes ou as letras das súas cancións poidan molestar, mais “non podía imaxinar que o Estado ía responder privándome de liberdade”

“En todo momento considerei que esta actividade atopábase amparada pola liberdde de expresión, mais é obvio que era unha ilusión", sostén no comunicado. "O Gran Irmao tirou a careta. ¿Orwell tiña razón? A policía do pensamento veu buscarme e podo ser xulgado por un delito, Pretenden encarcerar todo pensamento satírico?”