César Martínez, asociación Betula: "Nos terreos privados a xente non entende moi ben o que é a custodia do bosque"

César Martínez, asociación Betula (Nós Diario)

Coidar os bosques é querer o país. Desde a asociación para a custodia do bosque atlántico Betula levan anos protexendo espazos que conservan o  patrimonio natural. César Martínez, docente de profesión, é membro desta entidade e constata as dificultades que existen aínda hoxe para facer entender a unha parte da sociedade a importancia de que a paisaxe ten que perdurar no tempo. E con responsabilidade nesa sociedade figuran as Administracións que non sempre están á altura do que se agarda delas para levar a cabo ese cometido.  

Que é Betula?

É unha asociación de custodia do territorio que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través das súas actuacións. Naceu no ano 2013. Temos varias liñas de actuación. Unha delas é a de custodia que pode ser a través de convenios con propietarios de parcelas particulares, outras asociacións ou comunidades de montes e tamén a través da súa compra. Participamos en experiencias como o Proxecto Ríos que coordina Adega e tratamos de implicar escolares nas actividades. 

É máis difícil protexer terreos públicos ou privados?

Nos terreos privados a xente non entende moi ben aínda o que é a custodia do bosque. Tivemos casos en que quixemos mercar e preguntaban para que os queríamos. Teñen en mente a especulación. Cando explicamos que queremos conservar o bosque e o seu patrimonio entenden. Coas Administracións en teoría debería ser máis doado e é ao revés. Nos concellos  hai reticencias a estabelecer convenios e non sabemos a razón.

Nós propoñemos un compromiso moi transparente e superficial que en calquera momento unha das partes pode desfacer. Tamén temos dificultades para acceder a un local e malia que levamos anos falando cos concellos aínda non conseguimos que nos cedesen un. A outro nivel, nas grandes Administracións a dificultade é, por exemplo na Consellaría de Medio Ambiente, a complexidade burocrática, que impide acceder dunha maneira sinxela aos programas.

Están ben coidados os espazos naturais galegos?

Hai moita lexislación mais na práctica funciona moito o de mirar para outro lado. Non sempre se actúa acorde co que marca a lexislación. Por exemplo, aquí denunciamos en varias ocasións vertidos no río ao Seprona. Viñeron, recolleron mostras e volve a pasar outra vez. Non se corrixiu esta situación. Entendo que se fose unha infracción de tráfico tería máis consecuencias. Os temas medioambientais en termos administrativos están verdes. Por outro lado, a maior parte dos concellos non teñen técnicos especializados contratados e sería bo que esta situación mellorase. Vemos denuncias de agresións ao patrimonio, por talas de árbores senlleiras e sempre saen as novas a posteriori, faltaría un control antes de que sucedan. 

Ten algunha consecuencia talar unha árbore centenaria, por exemplo, un carballo? 

Se non está catalogada como árbore senlleira, ningunha. Soubemos da experiencia do propietario dun bosque autóctono con flora atlántica en boas condicións en Mugardos que solicitou a súa catalogación e foille denegada. Deron como razón que había moitos bosques semellantes na Galiza. Cando solicitas permiso para unha tala, tes até 14 toneladas para consumo de leña mais hai maneiras de cortar máis sen que pase nada.

Que bosque é máis doado coidar?

O bosque de frondosas, autóctono. O máis difícil é o alóctono, con eucaliptos e algunhas clases de piñeiros. Estes últimos precisan medidas máis exixentes que non se toman.  Un exemplo témolo nas medidas que adopta a Xunta para evitar os incendios, que é centrar os grandes investimentos nos meses de verán, con contratos de servizos e contratación de medios. Os esforzos deberían facerse sempre no inverno e desta maneira serían máis efectivos.