Falamos co co-propietario das tendas Espadela e Espandela-Encontros

César Lago: "A resposta da clientela está a ser espléndida"

María Outeiro e César Lago.
María Outeiro e César Lago fundaron hai case 30 anos a tenda Espadela, no número 58 da rúa do Vilar en Compostela. E agora, en plena era do coronavirus, volven emprender e fano adquirindo o local da que fora a libraría Encontros, no número 68 da mesma rúa. Falamos con César Lago deste primeiro mes desde a apertura do novo local,  da acollida que tivo entre a súa clientela e a turística e da filosofía que envolve o proxecto Espadela.  

—Como é que se amplía un negocio nestes tempos de confinamento e Covid-19?
O proxecto naceu hai un ano. A nosa idea entón, realmente, era abrir unha tenda Lisboa, algo que aínda non desbotamos, pero mentres tanto chegounos noticia deste local. O 8 de agosto de 2019 foi a primeira vez que entramos nel e en canto o fixemos namorámonos. Era un local absolutamente precioso e embarcámonos no proxecto. Asinamos contrato en outubro pero non puidemos empezar a reforma até o mes de xaneiro. O que fixemos foi máis ben un traballo de arqueoloxía, de restauración, no que quitamos o cemento, recuperamos o chan dos 3 espazos, un deles de castiñeiro, unha lareira, insonorizamos os teitos con cortiza... Foi un traballo moi detallado, moi artesán. Pero no medio de todo iso chegou o confinamento e era para abrir na Pascua, xusto cando estourou o tema da pandemia e polo tanto non se puido abrir. Pero tampouco queriamos parar. Foi duro ese momento pero conseguimos continuar e aquí estamos.

—Que vencello hai entre a recuperación dese local e a filosofía Espadela?
O tema da libraría e da cultura está vencellado coa nosa filosofía, e coa columna vertebral do noso proxecto que é o mundo da lusofonía. Partimos do noso país, da Galiza, pero temos importación de produtos da India, de Nepal, do Xapón... aínda que o lugar máis especial das nosas tendas lle pertence ao país e á lusofonía. Traballamos moito con Portugal, con Brasil, ultimamente tamén está moi presente África... E por outra banda, no que se refire á recuperación do local, notamos na xente de Compostela certa emoción cando abrimos porque esta cidade, e a zona vella en particular, demandan a súa dignificación, que o caso cantigo non se convirta nun parque temático. Non só pola venda case exlusiva de artigos turísticos senón porque ademais se están a destrozar os locais e iso é terríbel. 

—Como é a clientela das tendas Espadela?
Na Espadela temos a nosa clientela de sempre, do país e tamén clientela turística. Traballamos moito con clientela do Estado e con clientela europea e americana, un turismo que gosta moito da nosa tenda. Nos tempos que hai tan incertos a resposta da clientela está a ser espléndida, aínda que tamén hai que contar con que estamos en agosto e moita xente está fóra, pero o cliente que entra faino, no primeiro momento, porque lle gusta a fachada e logo queda porque lle gusta o produto. Non sei se o cliente de fóra  ve todo o alcance do noso proxecto pero si se achega e merca. 

—Atopamos os mesmos produtos en Espadela e en Espadela-Encontros?
Hai algún produto que está nas dúas tendas pero non se trata exactamente do mesmo senón que abrimos moito o noso campo en Espadela-Encontros con libros e discos, algo que non traballabamos até agora. E tamén máscaras africanas, que na Espadela vella eran algo anecdótico, poden atoparse en Espadela-Encontros. 


—Que valoración facedes do primeiro mes e que espectativas tedes?  
Facemos unha valoración marabillosa, estamos contentísimos. A nivel de acollida foi emocionante. Non puidemos facer inauguración polas circunstancias pero achegouse moitísima xente e está gustando o local... En canto ao tema de facturación, as espectativas eran tan baixas... pero cubrímolas mellor do que esparabamos. As nosas pernas son a clientela do país pero tamén e cada vez máis o turismo, pero este ano hai pouco turismo e o pouco que hai é estatal. De aquí a final de ano o único que queremos é aguantar, hai que ir día a día e semana a semana, nin sequera poño o foco en setembro porque son tempos incertos. Xa foi un semestre moi duro pero a resposta foi tan boa que estamos moi contentos.