É certo que un médico de Atención Primaria cobra 65.000 euros máis gardas?

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: David Cabezón)
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegura que un médico ou médica de Atención Primaria do Sergas cobra 65.000 euros anuais máis gardas. Unha cifra que causou o enfado e as críticas en gran parte do sector, que acusa o xefe do Executivo de mentir.

Cobra ou non cobra un médico ou unha médica de Atención Primaria do Sergas 65.000 euros anuais máis gardas? Rueda asegura que é así, son datos, di, que lle traslada a Consellaría de Sanidade, “por tanto, son obxectivos, e remítome a eles para acreditar que iso é así”.

En declaracións aos medios na tarde da segunda feira, insistiu en que non mente, fronte ao que aseguran os sindicatos. “Non creo que sexa un mal soldo”, acrecentou o presidente da Xunta, consciente do malestar e da precariedade que denuncian médicas e médicos galegos.

“Isto é mentira. El sábeo. Non se trabuca, mente a propósito co fin de que o pobo se bote enriba das médicas para acusalas de privilexiadas”, lamenta un médico nas redes sociais. “Eu non recibo nin a metade do que di Rueda”, advirte outra facultativa.

“A min, sen gardas, sáeme ao redor dos 50.000 euros, podo demostralo, con nóminas, non cos ‘disque’ do Sergas”, sinala unha médica que conta con trienios acumulados.

Segundo puido saber Nós Diario, as retribucións fixas dun médico ou médica de Atención Primaria atópanse ao redor dos 3.000 euros mensuais, con dúas pagas extra, é dicir, 42.000 euros. Contan cunha produtividade variábel de pagamento único de aproximadamente 2.700 euros ao ano, e un complemento derivado do número de tarxetas sanitarias que ten adscritas de entre 6.000 e 10.000 euros.

Ademais, un médico ou médica, recibe un nivel de complemento de destino, o 24, que pode ser o mesmo que o dun administrativo ou administrativa da Xunta da Galiza.
SOS Sanidade ten denunciado as altas taxas de emigración entre as persoas profesionais sanitarias derivadas da falta de estabilidade laboral. “Pensa alguén que por igual salario e estabilidade a xente marcharía a traballar a sitios afastados?”, advirten fontes da plataforma, que engaden que a “falta de médicos” é “unha falacia”, “ao MIR preséntanse 14.000 persoas e convocan 6.000 prazas”.

Os recortes, advirten os colectivos en defensa da sanidade pública, son os causantes de situacións que viven a diario as médicas e médicos e outro persoal de Atención Primaria, con axendas desbordadas e quendas de traballo que exceden o tempo ordinario.

Manifestacións pola Atención Primaria

Recentemente, veciñanza do Baixo Miño manifestouse para denunciar casos como o do Rosal, onde só unha médica atende as 6.450 persoas censadas neste municipio, que carece de pediatra.

SOS Sanidade Pública advirte de que a situación empeorará nas próximas semanas, en época vacacional, pois non se substituirán as vacacións do persoal facultativo cando as vilas costeiras chegan a multiplicar de maneira exponencial os seus habitantes durante o verán.